Esdras 5 - Biblia SEPTConstrución da casa de Deus 1 Entón, o profeta Axeo e o profeta Zacarías, fillo de Idó, comezaron a profetizar ós xudeus de Xudá e Xerusalén no nome do Deus de Israel, que co seu espírito os invadía. 2 Zerubabel fillo de Xealtiel e Xosué fillo de Iosadac puxéronse en pé e empezaron a construír o templo de Xerusalén; con eles estaban os profetas de Deus que os alentaban. 3 Mais Taznai, sátrapa da outra banda do río, Xetar—Boznai e os seus colegas, viñeron onda eles e dixéronlles: —"Quen vos deu a orde de levantar este templo e armar ese madeirame? 4 Como se chaman os homes responsables desta construción?" 5 Pero Deus ollaba sobre os anciáns de Xudá: non se lles impediu o traballo ata que o asunto chegase a Darío e mandase a acta oficial o antes posible. 6 Copia da carta enviada ó rei Darío polo gobernador da outra banda do río, Taznai, Xetar—Boznai e os seus colegas, as xentes de Arfaxac na outra banda do río. 7 Enviáronlle unha mensaxe na que estaba escrito: —"O rei Darío, enteira paz. 8 Que o rei saiba que fomos á provincia de Xudá, ó templo do gran Deus, que están construíndo con pedras talladas e colocando madeira nos muros. Este traballo faise con moito esmero e prospera entre as súas mans. 9 Entón preguntamos ós anciáns e dixémoslles: Quen vos deu a orde de construír este templo e armar ese madeirame? 10 Preguntámoslles ademais polos nomes dos responsables para darchos a coñecer. 11 Velaquí a resposta que nos chegou: Nós somos os servidores do Deus dos ceos e da terra, e reconstruímos o templo que xa se construíra hai longos anos, o que un gran rei en Israel levantara e completara. 12 Mais porque os nosos pais irritaron ó Señor dos ceos, entregounos nas mans do caldeo Nabucodonosor, rei de Babilonia, que destruíu este templo e deportou o pobo a Babilonia. 13 Con todo, no seu primeiro ano, Ciro, rei de Babilonia, deu a orde de volver levantar esta casa de Deus. 14 Ademais, os obxectos da casa de Deus, de ouro e prata, que Nabucodonosor fixera levar do templo de Xerusalén ó templo de Babilonia, o rei Ciro mandounos quitar de alí e confiarllos a Xexbasar, ó que el puxera de gobernador. 15 Díxolle: Colle eses obxectos e lévaos ó templo de Xerusalén, e que a casa de Deus sexa reconstruída sobre os seus mesmos cimentos. 16 Entón ese Xexbasar veu poñer os cimentos do templo de Deus en Xerusalén. Desde ese momento ata agora, séguese construíndo, mais aínda non está rematada. 17 Polo tanto, se lle prace ó rei, que se inquira nos arquivos reais de Babilonia, a ver se houbo unha orde dada polo rei Ciro para que se construíse esta casa de Deus en Xerusalén, e que se nos envíe a decisión do rei sobre o caso". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)