Esdras 3 - Biblia SEPTRestablecemento do culto 1 Chegado o sétimo mes, cando xa os israelitas se instalaran nas súas poboacións, xuntáronse todos coma un só home en Xerusalén. 2 Entón Xosué, fillo de Iosadac, púxose en pé cos seus irmáns os sacerdotes; como tamén Zerubabel fillo de Xealtiel, cos seus irmáns, e empezaron a construír o altar do Deus de Israel para ofreceren nel holocaustos, como manda a lei de Moisés, home de Deus. 3 Volveron colocar o altar sobre os seus fundamentos —non sen medo ós colonos estranxeiros—, e ofreceron nel ó Señor os holocaustos matutinos e vespertinos. 4 Despois celebraron a festa das Tendas, como está escrito, presentando o holocausto todos os días segundo o número diario fixado polo costume. 5 Despois disto presentaron o holocausto perpetuo, os holocaustos dos novilunios e de todos os tempos sagrados do Señor, o mesmo que para cantos facían ofrendas voluntarias ó Señor. 6 Desde o primeiro día do sétimo mes, comezaron a ofrecer holocaustos ó Señor. Mais aínda non se puxeran os fundamentos do templo. 7 Entón, de acordo co autorizado polo rei de Persia, Ciro, fixeron a contrata dos canteiros e carpinteiros e déronlles prata, comida e bebida, e aceite, e tamén ós sidonios e tirios para que trouxesen madeira de cedro polo mar, desde o Líbano ata Iafa. 8 Os dous anos de chegaren ó templo de Xerusalén, no mes segundo, Zerubabel, fillo de Xealtiel, e Xosué, fillo de Iosadac, co resto dos seus irmáns, os sacerdotes, os levitas e todos cantos viñeran da catividade a Xerusalén, comezaron a distribuír os levitas de vinte anos para arriba, poñéndoos á fronte da obra do templo. 9 Xosué, cos seus fillos e irmáns; Cadmiel e mais os seus fillos; os fillos de Xudá, todos xuntos fóronse colocando de xeito que puidesen dirixir a cada obreiro que traballaba na casa de Deus, sen falar de Henadad, cos seus fillos e mais os seus irmáns os levitas. 10 Entón os albaneis puxeron os fundamentos do templo do Señor, mentres que os sacerdotes se colocaban cos seus ornamentos e as trompetas, e tamén os levitas fillos de Asaf cos címbalos, para loar o Señor segundo ordenou David, rei de Israel. 11 Na gabanza e acción de grazas ó Señor, respondían: —"Porque é bo, e a súa fidelidade con Israel é eterna". Todo o pobo con grandes ovacións loaba polo mesmo ó Señor, porque se restauraba de novo o templo do Señor. 12 Entón moitos sacerdotes, levitas e xefes de familia entre os máis anciáns, os que tiñan visto o templo antano, choraban a gritos, mentres se poñían á súa vista os alicerces deste templo. Pero outros moitos elevaban a voz reloucando de ledicia. 13 De maneira que o pobo non podía distinguir o ruído polas ovacións xubilosas do ruído polos choros populares, pois o pobo prorrompía en grandes ovacións, e o balbordo oíase desde moi lonxe. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)