Efesios 6 - Biblia SEPT1 Os fillos obedecede a vosos pais no Señor, que iso é de razón. 2 Honra a teu pai e a túa nai, é o primeiro mandamento que trae emparellada unha promesa: 3 de xeito que todo che saia ben e vivas moitos anos na terra. 4 E vós, pais, non sexades rigorosos de máis cos vosos fillos; non: educádeos na disciplina e na doutrina do Señor. Escravos e amos 5 Escravos, obedecede escrupulosamente ós vosos amos neste mundo con sinceridade coma a Cristo; 6 e non só para que vos vexan, para compracer ós homes, senón coma escravos de Cristo que cumpren de corazón a vontade de Deus, 7 servindo de boa gana, coma se fose ó Señor e non a homes, 8 sabendo que quen fai o ben, escravo ou libre, recibirá recompensa do Señor. 9 E vós, amos, facede o mesmo con eles, prescindindo de ameazas, sabendo que eles e vós tedes un Señor no ceo, e que El non anda con favoritismos. A vida cristiá como combate 10 E remato. Fortalecédevos no Señor e na puxanza do seu poder. 11 Revestídevos da armadura de Deus, para que poidades resistir as estrataxemas do demo. 12 Porque non é a nosa loita contra homes de carne e óso senón contra os principados, contra as potestades, contra os que dominan neste mundo tenebroso, contra os espíritos do mal, que andan polo aire. 13 Por iso, collede a armadura de Deus, para lles poder facer fronte no día malo, e, despois de superalo todo, quedar aínda en pé. 14 Estade, logo, en pé: cinguídevos co cinto da verdade, revestidos coa coiraza da xustiza 15 e calzados os pés co afervoamento do Evanxeo da paz. 16 Tede sempre no brazo o escudo da fe, que con el poderedes apagar todos os dardos incendiarios do maligno. 17 Collede o casco da salvación e a espada do Espírito, que é a palabra de Deus, 18 con toda clase de oracións e de súplicas, orando decote no Espírito e velando por iso con asiduidade e súplicas por todos os cristiáns, 19 e tamén por min, a fin de que se me dea a palabra en abrindo a miña boca, para anunciar abertamente o misterio do Evanxeo 20 do que son pregoeiro, mesmo na cadea; que teña valor para anuncialo abertamente, como debo. Conclusión 21 Para que tamén vós saibades que é de min e como me vai, informaravos de todo iso Tíquico, o noso irmán benquerido e axudante fiel no Señor. 22 Mándovolo para que saibades de nós e para que vos anime. 23 Paz ós irmáns e amor con fe, de parte de Deus Pai e do Señor Xesús Cristo. 24 Que a graza acompañe a todos os que aman ó noso Señor Xesús Cristo con amor indefectible. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)