Efesios 5 - Biblia SEPT1 Facédevos, logo, imitadores de Deus, coma fillos queridos, 2 e camiñade no amor, igual ca Cristo, que vos amou e que se entregou por nós coma ofrenda e vítima a Deus de recendo agradable. 3 De inmoralidades ou de cobizas que nin sequera se fale entre vós, como corresponde a cristiáns. 4 Nin haxa tampouco groserías, estupideces ou choqueiradas: son cousas que non proceden. En vez diso dádelle grazas a Deus. 5 Tede por certo que quen se dea á prostitución, á inmoralidade ou á cobiza (que é unha idolatría) non herdará o Reino de Cristo e de Deus. Vivir "na luz" 6 Que ninguén vos engaiole con palabras baleiras, que por estas cousas vén a ira de Deus sobre os fillos rebeldes. 7 Non vos fagades cómplices delas; 8 porque antes, si, erades tebras pero agora sodes luz no Señor. Así que andade coma fillos da luz, 9 (porque a luz é toda bondade, xustiza e verdade), 10 tendo en conta o que agrada ó Señor. 11 E non compartades as obras estériles das tebras; polo contrario, denunciádeas, 12 que do realizado por eses tales ás agachadas dá vergonza mesmo falar. 13 Pero todo iso, cando o delata a luz, queda ó descuberto, 14 pois todo o que se manifesta é luz. Por iso dise: Acorda, ti que estás a durmir, érguete do medio dos mortos e Cristo iluminarate. 15 Mirade, logo, con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos, 16 Aproveitando ben este tempo, que corren días malos. 17 Por iso, non sexades irreflexivos; ó contrario, tratade de comprender cal é a vontade do Señor. 18 Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso enchédevos de Espírito, 19 falando entre vós con salmos, himnos e cánticos espirituais, cantando e salmodiando con toda a alma para o Señor 20 e dándolle grazas decote a Deus Pai, por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo. As relacións domésticas 21 Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo: 22 As mulleres sométanse ós propios maridos, coma se fose o Señor, 23 pois o marido é cabeza da muller, coma tamén Cristo é cabeza da Igrexa, o salvador do corpo. 24 E, coma a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres ós seus maridos, en todo. 25 Homes, amade as vosas mulleres, coma tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela 26 para santificala, purificándoa co baño de auga na palabra, 27 e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin engurra nin cousa polo estilo senón santa e inmaculada. 28 Así deben tamén os maridos amar as súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller, ámase a si mesmo, 29 porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e aquece, como fai Cristo coa Igrexa, 30 porque somos membros do seu corpo. 31 Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un único ser. 32 Grande misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa. 33 En calquera caso, todos e cada un de vós, debe amar a súa muller coma a si mesmo; e a muller, que respecte ó seu marido. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)