Efesios 4 - Biblia SEPTNormas xerais 1 Por tanto, eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da chamada que recibistes, 2 con total humildade, sinxeleza e paciencia, aturándovos uns a outros con amor, 3 esforzándovos por manter a unidade do espírito no vínculo da paz. 4 Hai un só corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha única esperanza na vosa vocación. 5 Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo, 6 e un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos. 7 A cada un de nós déusenos a graza segundo a medida do don de Cristo. 8 Por iso di a Escritura: Subiu ó alto levando cativos; concedeulles os dons ós homes. 9 Ese "subiu" que quere dicir senón que tamén baixou ó fondo da terra?; 10 e o que baixou foi o mesmo que subiu á cima do ceo para enchelo todo. 11 E a uns fíxoos apóstolos; a outros, profetas; a outros, mensaxeiros do Evanxeo; e a outros, pastores e mestres, 12 para fornecer cristiáns cara á tarefa do ministerio, para a edificación do corpo de Cristo, 13 Ata que todos academos a unidade na fe e no coñecemento do Fillo de Deus, a madurez do home perfecto, o desenvolvemento propio da plenitude de Cristo. 14 Así xa non seremos nenos, batidos e levados á deriva polas ondas de calquera corrente de doutrina, á mercé do engano dos homes e de argucias demagóxicas, 15 senón que, sendo auténticos no amor, medraremos en todo cara a Aquel que é a cabeza, Cristo. 16 Del vén que o corpo todo ben axustado e compacto por todas as xunturas que o alimentan, coa actividade propia de cada unha das partes, vaia medrando, construíndose el mesmo, no amor. Vida pagá e vida cristiá 17 Dígovos, por tanto, e recoméndovos en nome do Señor que non vivades máis coma os pagáns, coa mente baleira, 18 coa intelixencia entebrecida, alleos á vida de Deus, pola ignorancia que hai neles, debido á cegueira do seu corazón. 19 Os tales volvéronse insensibles, entregáronse ó vicio ata practicaren insaciablemente toda clase de inmoralidades. 20 Vós, con todo, non foi así como coñecestes a Cristo. 21 Supoño que vos falaron del e que vos ensinaron o que responde á verdade en Xesús; 22 isto é, que vos ispades do home vello da vida anterior, que vai esmorecendo, seducido polas súas arelas; 23 que cambiedes a vosa actitude mental, 24 e que vistades o home novo, creado a imaxe de Deus, na xustiza e na relixiosidade auténticas. Unha vida no amor 25 Por iso rexeitade a mentira e dígalle cadaquén a verdade ó seu próximo, porque somos membros uns dos outros. 26 Anoxádevos, pero non cheguedes a pecar: que o solpor non vos colla no voso incomodo, 27 nin lle deades entrada ó demo. 28 O que antes roubaba, que non roube máis e que se esforce en traballar honradamente coas súas mans, para poder compartir co necesitado. 29 Que non saia da vosa boca unha palabra ruín: ó contrario, a palabra boa, para a edificación no momento preciso, para que faga ben ós que escoitan. 30 Non aflixades ó Santo Espírito de Deus, que vos selou para o día da redención. 31 Arredade de vós toda retranca, carraxe, ira, berros ou aldraxes e calquera outra maldade; 32 máis ben sede bondadosos e misericordiosos uns cos outros, perdoándovos mutuamente, coma Deus vos perdoou en Cristo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)