Efesios 3 - Biblia SEPTA misión de Paulo 1 Por esa razón eu, Paulo, preso por mor de Cristo Xesús e por vos levar este ben a vós, os xentís... 2 Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso: 3 xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio, tal como escribín antes en poucas palabras; 4 polo que, ó lelo, podedes esculcar como entendo eu o misterio de Cristo, 5 que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito ós seus santos apóstolos e profetas: 6 que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo 7 do que me fixo servidor a xenerosa graza que Deus me concedeu coa eficacia do seu poder. 8 A min, o máis cativo de todos os crentes, concedéuseme o honor de anunciarlles ós xentís a inimaxinable riqueza de Cristo 9 e amosarlles a todos a realización do misterio escondido desde sempre en Deus, que creou todas as cousas. 10 Así desde o ceo e por medio da Igrexa dáselles a coñecer a principados e autoridades a variedade de formas da sabedoría de Deus, 11 contidas no proxecto eterno que se levou a cabo por medio de Cristo Xesús, noso Señor. 12 Grazas a El temos a liberdade de acceso confiado, pola fe nel. 13 Por isto pídovos que non vos desmoralicedes polas tribulacións que paso por causa vosa, que precisamente elas son a vosa gloria. Grandeza do amor de Cristo 14 Por esta razón axeónllome perante o Pai, 15 de quen toma nome toda paternidade no ceo e mais na terra, 16 para que vos conceda segundo a riqueza da súa gloria, que se robusteza poderosamente en vós o home interior por medio do seu Espírito; 17 que Cristo habite pola fe nos vosos corazóns e que teñades a vosa raíz e o voso alicerce no amor, 18 de xeito que poidades comprender, con todo o pobo crente, o ancho, o longo, o alto e o profundo que é 19 o amor de Cristo, que supera todo coñecemento; e así quededes cheos da plenitude total, que é Deus. Doxoloxía 20 A aquel que, con esa potencia que actúa en nós, pode facer moito máis inmensamente máis do que nós poidamos pedir ou imaxinar, 21 A El a gloria na Igrexa e en Cristo Xesús, por todas as xeracións de séculos de séculos. Amén. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)