Deuteronomio 7 - Biblia SEPTO exterminio sacro 1 Cando o Señor, o teu Deus, te introduza no país no que vas entrar para o tomares en posesión, e cando expulse da túa presenza pobos numerosos —os hititas, os guirgaxitas, os amorreos, os cananeos, os perizitas, os hivitas e os iebuseos, sete pobos máis numerosos e poderosos ca ti— 2 e o Señor, o teu Deus, chos poña diante de ti, para que os castigues, ti entrégaos totalmente ao exterminio sagrado. Non fagas con eles alianzas nin teñas compaixón deles. 3 Non emparentes con eles, non lles deas a túa filla para un fillo deles, nin collas a filla deles para un fillo teu. 4 Pois ela apartaría os teus fillos do meu seguimento, para daren culto a deuses alleos, e acenderíase a ira do Señor contra vós e destruiríavos inmediatamente. 5 Velaí, pois, o que lles faredes a eles: destruiredes os seus altares, romperedes as súas estelas cúlticas, esnaquizaredes as súas imaxes simbólicas de Axerah e queimaredes no lume as súas imaxes idolátricas. 6 Porque ti es un pobo consagrado ao Señor, o teu Deus. O Señor, o teu Deus, escolleute para seres o pobo da súa persoal propiedade entre todos os pobos que viven sobre a superficie da terra. 7 Non foi por serdes vós máis numerosos ca todos os pobos polo que o Señor se namorou de vós e vos escolleu, pois sodes o máis pequeno de todos os pobos; 8 senón que foi polo amor do Señor para vós e por manter El o xuramento que lles fixera ós vosos pais, polo que o Señor vos sacou con man forte e vos rescatou da situación de escravitude, do poder do faraón, rei de Exipto. 9 Has de saber que o Señor, o teu Deus, é Deus: Deus fiel, que mantén a súa alianza e a súa misericordia por mil xeracións cos que o aman e cumpren os seus mandamentos, 10 e que llelas devolve na cara ós que o aborrecen, facéndoos desaparecer; non queda dubidoso ante o que o aborrece, senón que llelas paga en persoa. 11 Garda os mandamentos, os preceptos e os decretos que eu che mando hoxe pór en práctica. 12 Se facedes caso destes decretos, os gardades e os pondes en práctica, o Señor, voso Deus, manterá contigo a Alianza e a misericordia que lles xurou ós teus pais. 13 El quererate, bendicirate e multiplicarate, e tamén bendicirá o froito do teu ventre e o froito da túa terra, o teu trigo, o teu mosto e o teu aceite, as crías das túas vacas e as camadas do teu rabaño sobre a terra, da que lles xurou ós teus pais que cha daría. 14 Ti serás máis bendito ca todos os pobos, non haberá en ti macho nin femia estéril, nin no teu rabaño. 15 O Señor retirará de ti toda enfermidade e toda peste maligna —coma as de Exipto, que ti ben coñeces—, non cha apegará a ti, senón que llela dará a todos os que te odian. 16 Devora a todos os pobos que o Señor, o teu Deus, che vai entregar: que o teu ollo non se entenreza por eles. Non adores os seus deuses, pois son para ti lazo de caza. 17 Mira que has de dicir para os teus adentros: estes pobos son máis numerosos ca min, como serei capaz de apoderarme deles! 18 Pero non lles teñas medo. Lémbrate ben do que lles fixo o Señor, o teu Deus, ao faraón e a todo o Exipto, 19 das grandes probas que viron os teus ollos, dos sinais e prodixios, da man poderosa e do brazo estendido que sacou no teu favor o Señor, o teu Deus. Así actuará o Señor, o teu Deus, contra todos os pobos, en presenza dos que ti sentes medo. 20 Tamén lles mandará o Señor, o teu Deus, avésporas, ata que desaparezan os que queden e mais os que se escondan da túa presenza. 21 Non te aterrorices da presenza deles, pois o Señor, o teu Deus, está no medio de ti, Deus grande e temible. 22 O Señor, o teu Deus, botará fóra da túa presenza pouco a pouco a estes pobos; non verá conveniente facelos desaparecer rapidamente, non sexa que as feras salvaxes se multipliquen con perigo para ti. 23 Senón que o Señor, o teu Deus, hachos pór diante e estarreceraos con grande pánico, ata que se aniquilen. 24 Entregará os seus reis no teu poder, para que fagas desaparecer o nome deles de debaixo do ceo; non haberá quen se resista na túa presenza ata que os aniquilen a todos eles. 25 Habedes de queimar no lume as imaxes dos seus deuses. Non podes cobizar a prata e o ouro que as recobre, nin os collas para ti: non caerás na súa trampa. Olla que son abominación para o Señor o teu Deus, 26 non meterás a abominación na túa casa, pois ti serás consagrado ao exterminio o mesmo có ouro e a prata. Ti rexeitaralos totalmente e aborreceralos profundamente, pois son cousa consagrada ao exterminio. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)