Deuteronomio 5 - Biblia SEPTA revelación do Señor á Asemblea de Israel no Horeb 1 Moisés convocou a todo Israel e díxolle: —"Escoita, Israel, estes mandatos e decretos que eu promulgo ós vosos oídos neste día, para que os aprendades e coidedes de os pór en práctica. 2 O Señor, o noso Deus, fixo unha alianza connosco no Horeb; 3 non foi cos nosos pais, con quen o Señor fixo esta alianza, senón connosco, estes que hoxe estamos aquí, todos nós, vivos. 4 Cara a cara falou o Señor convosco na montaña desde o medio do lume. 5 Eu estaba entre o Señor e vós naquel intre, para darvos a coñecer a palabra do Señor, xa que vós lle tiñades medo á presenza do lume, e non quixestes rubir á montaña. Velaí o que dixo: 6 Eu son o Señor, o teu Deus, que te fixen saír do país de Exipto, da opresión dos escravos. 7 Non terás outros deuses na miña presenza. 8 Non farás para ti imaxe esculpida, que represente nada do que hai arriba no ceo, nin abaixo na terra, nin na auga de debaixo da terra. 9 Non te prostrarás en adoración diante delas nin te someterás á escravitude no culto a elas, xa que eu son o Señor, o teu Deus, Deus celoso: para os que me aborrecen, castigo o delito dos pais nos descendentes ata a terceira e cuarta xeración; 10 pero practico misericordia benfeitora por mil xeracións cos que me aman e gardan os meus mandamentos. 11 Non invocarás o nome do Señor, o teu Deus, en van, pois non deixará o Señor sen castigo ao que invoque en van o seu nome. 12 Reserva o día do sábado para santificalo, segundo cho mandou o Señor, teu Deus. 13 Traballa e cumpre toda a túa misión durante seis días, 14 pero o día sétimo é sábado, o descanso para o Señor, o teu Deus. Non farás ningún traballo, nin ti nin o teu fillo nin a túa filla, nin o teu criado nin a túa criada, nin o teu boi nin o teu burro, nin ninguén dos teus animais, nin o estranxeiro que está nas túas cidades; deste xeito, descansarán o teu servo e mais a túa serva o mesmo ca ti. 15 Lémbrate de que fuches servo no país de Exipto e de que te sacou de alí o Señor o teu Deus con man forte e brazo estendido. Por isto mandouche o Señor o teu Deus que observases o día de descanso sabático. 16 Honra a teu pai e túa nai, tal como cho mandou o Señor, o teu Deus, para que se alonguen os teus días e atopes a felicidade na terra, que o Señor o teu Deus che vai dar. 17 Non mates. 18 Non cometas adulterio. 19 Non roubes. 20 Non deas testemuño falso contra o teu próximo. 21 Non desexes ter a muller do teu próximo; non cobices a casa do teu próximo, nin a súa terra, nin o seu servo nin a súa serva, nin o seu boi nin o seu burro, nin nada do que lle pertence ao teu próximo. 22 Estes mandamentos ditoullos o Señor con forte voz a toda a vosa asemblea na montaña, desde o medio do lume, da nube e do escuro nubrado. Non engadiu máis nada, senón que os escribiu en dúas lousas de xisto, e entregoumos a min. A mediación de Moisés na promulgación da Lei 23 Pero cando escoitastes esta voz que saía do medio do nubrado e cando a montaña ardía en labarada, achegástesvos xunto a min, todos vós, xefes de tribos e anciáns 24 e dixéstesme: Velaí que o Señor, o noso Deus, mostrounos a súa gloria e a súa grandeza: escoitámolo falar desde o medio do lume. Hoxe vimos que Deus lle pode falar ao home, e este pode seguir vivo; 25 pero agora, ben certo que morreremos. Seguro que nos devorará esa grande labarada, se seguimos nós escoitando de novo a voz do Señor, o noso Deus. Si, morreremos, 26 pois un que sexa todo el carne e que escoite a voz do Deus vivo falándolle desde o medio do lume, como poderá seguir vivo? 27 Acércate ti e escoita todo o que diga o Señor, o noso Deus, e logo ti dirasnos todo o que che diga o Señor, o noso Deus, e nós escoitarémolo e porémolo en práctica. 28 Pero o Señor escoitou as vosas palabras mentres me falabades, e logo díxome o Señor: Escoitei as palabras que che falou este pobo. Está ben todo o que che dixeron. 29 Quen me dera que tivesen un corazón deste xeito, para respectarme a min sempre e para gardaren todos os meus preceptos, e para deste xeito seren felices sempre, eles e os seus fillos! 30 Vai e dilles: Volvédevos ás vosas tendas. 31 Pero ti, queda aquí comigo, que che vou ditar eu mesmo todos os mandamentos e preceptos e ordes que lles ensinarás a eles para que os poñan en práctica no país do que lles vou dar posesión. 32 Tende, pois, coidado de pólos en práctica tal como volo mandou a vós o Señor, o noso Deus. Non vos desviedes nin á dereita nin á esquerda. 33 Seguide todo o camiño que vos mandou o Señor, voso Deus, e deste xeito viviredes, seredes felices e alongaredes os días que recibiredes en herdanza. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)