Deuteronomio 34 - Biblia SEPTA morte de Moisés e a súa glorificación 1 Subiu Moisés das chairas de Moab ao monte Nebó, á cima do Pisgah, que está enfronte de Xericó. O Señor mostroulle todo o país: Galaad ata Dan, 2 todo Naftalí, o país de Efraím e Menaxés e todo o país de Xudá ata o mar Occidental; 3 o Négueb, a veiga do val de Xericó, a cidade das palmeiras, ata Soar. 4 Entón díxolle o Señor: —"Este é o país que lles prometín con xuramento a Abraham, Isaac e Xacob, dicíndolles: Heillo de dar á túa descendencia. Xa cho mostrei ós teus ollos, pero alí non podes cruzar". 5 Morreu alí Moisés, o servo do Señor, no país de Moab, conforme á declaración do Señor. 6 E enterrouno alí no val, no país de Moab, enfronte de Bet-Peor, e ningún home, ata o día de hoxe, coñeceu a súa sepultura. 7 Moisés tiña cento vinte anos, cando morreu, e o seu ollo non enfraqueceu nin desapareceu a súa vitalidade. 8 Os fillos de Israel choraron por Moisés nas chairas de Moab trinta días, completaron así os seus días de pranto como loito por Moisés. 9 Entón Xosué, fillo de Nun, estaba cheo de espírito de sabedoría, xa que Moisés lle impuxera as súas mans, e os fillos de Israel fixéronlle caso e comportáronse tal coma o Señor llo mandara a Moisés. 10 Nunca máis volveu xurdir un profeta en Israel semellante a Moisés, con quen o Señor tratase cara a cara. 11 Ninguén coma el en todos os sinais e prodixios, que o Señor lle mandou facer no país de Exipto contra o Faraón, contra os seus servos e contra o seu país. 12 E ningún coma el coa man forte e todo o grande pavor que provocou Moisés á vista de todo Israel. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)