Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Deuteronomio 32 - Biblia SEPT

1 —"Escoita, ceo, que vou falar; escoita, terra, os ditos da miña boca.

2 A miña doutrina caerá en pingas coma a chuvia, e o meu dito espallarase coma a chuvia mansa sobre a herba tenra, coma o trebón sobre o céspede.

3 Si, proclamarei o nome do Señor. Aclamade: a grandeza é do noso Deus.


Proclamación da xustiza salvífica de Deus

4 El é o Penedo, a súa obra é perfecta. Si, todos os seus vieiros son xustiza. É o Deus da fidelidade e non hai nel inxustiza xusto e recto é El.

5 Envolveu os que non lle eran fillos con follas de palmeira, xeración pervertida e malvada.


Acusación en forma interrogativa

6 Isto lle facedes ao Señor, pobo parvo e sen sabedoría? Non é El o teu Pai, quen te creou? Non é El quen te fixo, quen che deu o ser?


Beneficios de Deus no pasado

7 Lémbrate dos días remotos, si, considera os anos de xeración en xeración. Pregúntalle a teu pai, e que cho mostre: pregúntalles ós teus anciáns, e que cho digan.

8 Cando o Altísimo lles repartía a herdanza ós pobos, e cando separaba ós fillos de Adam: estableceu as fronteiras das nacións, segundo o número dos fillos de Israel.

9 Si, a parte do Señor é o seu pobo, Xacob é a súa herdanza.

10 Fortaléceo nunha terra de deserto nunha soidade de ouveos engórdao, rodéao de coidados e aténdeo, protéxeo coma á meniña do seu ollo.

11 O mesmo que a aguia espile a súa niñada, planea sobre os seus poliños, estende as ás e os colle, e os levanta sobre as súas ás,

12 así tamén o Señor, El só, conducirá o seu pobo, non haberá con El un deus estraño,

13 farao montar de a cabalo sobre as alturas da terra e daralle de comer os produtos do campo, daralle a zugar o mel que sae da pena, o aceite que sae do duro penedo:

14 manteiga de vaca e leite de ovellas, con graxa de años, carneiros da raza de Baxán e cabritos, coa flor dos grans de trigo. Bebiches fermentado o sangue da uva (e Xacob comerá ata se fartar).


Denuncia do pecado: Tipificación

15 Iexurún engordou, e logo couceou; engordaches, colliches graxas, puxécheste brillante, pero rexeitou ao Deus que o creou e deshonrou o Penedo da súa salvación.

16 Provocáronlle celos con deuses estraños, enfadárono con abominacións.

17 Ofrecéronlles sacrificios aos demos, non a Deus, a deuses que antes non coñecían, deuses novos, acabados de chegar, ós que vosos pais non respectaran.

18 Desprezaches o Penedo que te deu a luz, Esqueciches o Deus que te trouxo ao mundo.


Castigos históricos en forma oracular

19 Viu isto o Señor con enfado, rexeitou a seus fillos e a súas fillas.

20 E dixo: Escondereilles o meu rostro benévolo, verei cal é o seu porvir, pois eles son unha xeración de perversión, fillos nos que non hai fidelidade.

21 Eles provocaron os meus celos con quen non é deus, enfadáronme cos seus ídolos ilusos; pero eu provocarei os seus celos con quen non é pobo, cunha nación tola enfadareinos.

22 Si, un lume de carraxe acendeuse no meu nariz abrasa ata as fonduras do Abismo, devora a terra e os seus froitos, e requeima os alicerces das montañas.

23 Amorearei calamidades sobre eles, e acabarei coas miñas frechas contra eles:

24 cansos de fame, consumidos coa febre e coa peste maligna. Si, mandarei contra eles dentes de animais, con veleno de bechos que se arrastran polo chan.

25 Por fóra, a espada deixaraos sen fillos; e, por dentro das casas, o terror. Berros dos mozos! Berros das mozas! Berro de meniño que mama, xunto co home encanecido!

26 Pensei: vounos espallar, vou facer desaparecer a súa lembranza de entre os homes,

27 se non temese provocar o inimigo e que os seus adversarios se fagan ilusións dicindo: A nosa man é poderosa, pois non foi o Señor quen fixo todo isto.


Reflexións teolóxicas exhortativas á fe no poder do Señor

28 Si, son un pobo que derrama os plans, e neles non hai intelixencia.

29 Se fosen sabios, comprenderían isto, entenderían cal é o seu porvir:

30 Como un home pode perseguir a mil e como dous homes fan fuxir a dez mil, se non é que o seu Penedo llelos vende e se non é que o Señor llelos entrega atados?

31 Certo que o noso Penedo non é coma o seu penedo, certo que os nosos inimigos non son quen a xulgar,

32 pois a súa viña é das cepas de Sodoma e dos patróns de Gomorra; as súas uvas son uvas de veleno e os seus acios teñen amargor;

33 o seu viño é veleno de serpentes, si, pezoña de cobras destrutoras.

34 Non está el gardado ao meu carón, selado no almacén dos meus tesouros?

35 Velaí o día da vinganza e do axuste de contas! Velaí o intre no que tropezarán os seus pés! Certo que está próximo o día da súa ruína, certo que vén ás présas preparado para eles.

36 Si, o Señor faralle xustiza ao seu pobo, e compadecerase dos seus servos, cando vexa que a forza se acaba, e que xa non hai escravo nin libre.

37 Entón dirá: Onde están os seus deuses, o penedo onde se refuxiaban?

38 Pois comen a graxa dos seus sacrificios e beben o viño das súas libacións. Que se levanten a axudarnos, que sexan a nosa protección!


Anuncio da vinganza sobre os inimigos do pobo

39 Agora ollade: certo que eu son eu, e non hai outros deuses comigo. Eu fago morrer e fago vivir; ferín, pero curarei, e non hai quen escape da miña man.

40 Si, levantarei a miña man ao ceo e direi: Pola miña vida, así será para sempre!

41 Afiarei o lóstrego da miña espada e a miña man collerá a xustiza; e farei volver a vinganza contra os meus adversarios e axustarei as contas cos que me odian.

42 Emborracharei as miñas frechas de sangue e a miña espada devorará carne: do sangue dos mortos e cativos, das cabezas peludas do meu inimigo.

43 Nacións, aclamade ao seu pobo, que o sangue dos seus servos está sendo vingado; fai vinganza dos seus adversarios, e así purifica a súa terra e o seu pobo".

44 Foi Moisés acompañado de Xosué, fillo de Nun, e pronunciou todas as palabras deste canto ós oídos do pobo.


Conclusión do canto de testemuño e da lei

45 Cando acabou Moisés de pronunciar todas estas palabras para todo Israel,

46 díxolles: —"Entregade o voso corazón a todas as palabras que hoxe poño como testemuño contra vós, pois habédesllelas de pór de precepto ós vosos fillos, para que procuren practicar todas as palabras desta lei.

47 Pois non é unha palabra baleira de interese para vós, senón que é a vosa vida; e con esta palabra alongaredes os días sobre a terra, na que entraredes ao cruzar o Xordán para a tomardes en posesión".


Moisés morrerá despois de ver a terra prometida

48 Nese mesmo día, o Señor faloulle a Moisés nestes termos:

49 —"Sube á montaña esa de Abarim, ao monte Nebó, que está no país de Moab, fronte a Xericó, e olla para a terra de Canaán, porque llela vou dar en propiedade ós fillos de Israel.

50 Despois morrerás no monte onde vas subir e xuntaraste cos teus parentes, o mesmo que Aharón, teu irmán, morreu no monte Hor e se xuntou cos seus parentes.

51 Por me serdes infieis a min ante os fillos de Israel, nas augas de Meribah de Cadex, no deserto de Sin, por non recoñecer a miña santidade, ante os fillos de Israel,

52 por isto verás desde enfronte o país, pero non entrarás nel, nese país que eu lles vou dar ós fillos de Israel".

Lean sinn:



Sanasan