Deuteronomio 30 - Biblia SEPTConversión ao Señor e volta do exilio 1 Resultará que cando veñan sobre ti todas estas palabras, a bendición e a maldición que eu poño diante de ti, farás volver de todos os pobos, a onde te dispersou o Señor, a forza da túa decisión, 2 converteraste ao Señor, o teu Deus, e faraslle caso á súa voz, ti e mais o teu fillo, segundo todo o que eu che mande hoxe. 3 E o Señor, o teu Deus, cambiará o teu destino, terá compaixón de ti e volverá a xuntarte de entre todos os pobos a onde o Señor, o teu Deus, te dispersou. 4 Aínda que os teus deportados estean no cabo do ceo, de alí os xuntará o Señor, o teu Deus, colleraos 5 e traeraos o Señor, o teu Deus, ao país que recibiron en herdanza os teus pais, e recibiralo ti en herdanza. El farate feliz e multiplicarate máis ca teus pais. 6 O Señor, o teu Deus, circuncidará o teu corazón e o corazón da túa descendencia, para que ames o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón e con todo o teu ser, a fin de que vivas feliz. 7 E o Señor, o teu Deus, porá todas estas maldicións sobre os teus inimigos e sobre os que te queren mal, pois perseguíronte. 8 Entón ti volverás a facerlle caso á voz do Señor e cumprirás todos os seus mandamentos, que eu che mando hoxe. 9 Así o Señor, o teu Deus, concederache éxito en todas as obras da túa man, no froito do teu ventre, no froito dos teus animais e nos froitos da túa terra, para o teu ben. Si, o Señor volverase a alegrar contigo pola túa felicidade como se alegrou con teus pais. 10 Si, faille caso á voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos e os seus preceptos, o escrito no libro desta lei. Si, convértete ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón e con todo o teu ser. Conclusión: Testemuño interno da palabra 11 Si, este mandamento que eu che mando hoxe non é imposible para ti nin che resulta inaccesible. 12 Non está no ceo para dicires: Quen subirá por nós ao ceo e nolo collerá e nolo fará escoitar, para que nós o cumpramos? 13 Tampouco está da outra banda do mar para dicires: Quen cruzará por nós ao outro lado do mar e nolo collerá e nolo fará escoitar, para que nós o cumpramos? 14 Si, a palabra está moi cerca de ti: na túa boca e no teu corazón, para a cumprires. 15 Mira que eu poño hoxe diante de ti a vida e a felicidade, a morte e a desgraza, 16 porque che mando hoxe amar o Señor, o teu Deus, camiñar polos seus vieiros e cumprir os seus mandamentos, preceptos e decretos, para que vivas feliz e te multipliques, e para que o Señor, o teu Deus, te bendiga no país onde vas entrar a tomalo en posesión. 17 Pero se o teu corazón se aparta e se ti non lle fas caso e te extravías e te prostras ante deuses alleos e lles dás culto, 18 eu declárovos hoxe que pereceredes sen remedio e que non aumentaredes os vosos días sobre a terra, na que vós, que estades cruzando o Xordán, ides entrar para tomala en posesión. O ceo e a terra testemuñas da Alianza 19 Poño hoxe por testemuñas contra vós o ceo e mais a terra: poño diante de ti a vida e a morte, a bendición e a maldición; escolle a vida, para que poidas vivir feliz, ti e a túa descendencia, 20 Amando o Señor, o teu Deus, facéndolle caso á súa voz e apegándote a El. Isto é a túa vida e o alongamento dos teus días, habitando na terra que o Señor lles xurou a teus pais, a Abraham, a Isaac e a Xacob, que llela daría". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)