Deuteronomio 29 - Biblia SEPTResumo histórico 1 Moisés convocou a todo Israel e díxolles: —"Vós xa vistes todo o que o Señor lles fixo á vosa vista no país de Exipto ao faraón, a todos os seus servos e a todo o seu país: 2 As grandes probas que viron os vosos ollos, os prodixios e os sinais grandes aqueles. 3 Pero ata o día de hoxe, o Señor non vos deu un corazón para coñecer, nin ollos para ver nin oídos para escoitar. 4 Eu fíxenvos camiñar durante corenta anos polo deserto; os vosos vestidos non se gastaron sobre vós nin a túa sandalia se gastou no teu pé; 5 non comestes pan nin bebestes viño nin licor, para que recoñezades que eu, o Señor, son o voso Deus. 6 Logo chegastes a este sitio e saíron Sihón, rei de Hexbón, e Og, rei de Baxán, ao voso encontro en plan de guerra, e nós vencémolos. 7 Logo, collemos o seu país e démosllelo en herdanza ós rubenitas, ós gaditas e á metade da tribo de Menaxés. 8 Gardade, pois, as palabras desta Alianza e cumprídeas para que teñades éxito en todo o que fagades. Compromiso persoal ante a Alianza co Señor 9 Vós hoxe estades todos diante do Señor, o voso Deus: os vosos xefes, as vosas tribos, os vosos anciáns e os vosos escribas, todos os homes de Israel; 10 os vosos meniños, as vosas mulleres e o teu emigrante, que está por medio do teu campamento, desde o cortador das túas árbores ata o que carrexa a túa auga. 11 Ti estás aí para entrares na Alianza do Señor, o teu Deus, e no pacto xurado que o Señor, o teu Deus, conclúe contigo hoxe, 12 co fin de que el te constitúa hoxe nun pobo para El, e que El sexa Deus para ti, tal como cho dixo e tal como llelo prometeu con xuramento ós teus pais, a Abraham, a Isaac e a Xacob. 13 Pero non vou concluír convosco sós esta alianza e este pacto xurado. 14 Conclúoo con aquel que está aquí de pé hoxe convosco diante do Señor, o voso Deus, e tamén con aquel que non está connosco hoxe. 15 Si, xa sabedes vós como viviamos no país de Exipto e como cruzamos polo medio das nacións por onde pasamos; 16 e vistes os seus monstros horribles e os seus ídolos —pau e pedra, prata e ouro—, que había onda eles. 17 Que non haxa entre vós home ou muller ou familia ou tribo que aparte hoxe o seu corazón de xunto ao Señor, noso Deus, para iren dar culto ós deuses deses pobos; que non haxa entre vós raíz que produza veleno e asente. 18 Se un escoita as palabras deste pacto xurado e se felicita no seu corazón dicindo: Teña eu fartura, que seguirei no endurecemento do meu corazón, porque o que apaga a sede farta de auga a quen pasa sede, 19 A ese o Señor non lle quererá perdoar; entón si que se acenderá a ira do Señor e o seu celo contra ese home, e caerán sobre el todas as maldicións escritas neste libro e o Señor fará desaparecer o seu nome de debaixo do ceo. 20 Así retirará o Señor a maldade de todas as tribos de Israel, segundo as maldicións da Alianza escrita no libro desta lei. A causa do desterro 21 A primeira xeración, os vosos fillos que virán despois de vós e o estranxeiro que vén dun país afastado, verán o castigo deste país e as enfermidades coas que o Señor o fará enfermar: 22 toda a terra deste país será xofre, sal e calcinación, non será sementada e non xermolará, nela non medrará herba ningunha; será como o arraso de Sodoma e Gomorra, de Ademah e Seboím, ás que arrasou o Señor na súa ira e no seu enfado. 23 Todos os pobos dirán: Por que trata o Señor así a este país? Que ardor o desta tan grande ira! 24 E responderán: Porque abandonaron a Alianza do Señor, Deus de seus pais, quen concluíu a alianza con eles ao sacalos do país de Exipto; 25 foron darlles culto a deuses alleos e prostrarse diante deles, deuses que antes non coñeceran e que non recibiran no reparto. 26 Por isto a ira do Señor inflamouse contra este país, traendo contra el todas as maldicións escritas neste libro. 27 E o Señor arrincounos da súa terra con ira, con carraxe e con grande indignación, e botounos a outro país, como sucede hoxe. 28 As cousas ocultas perténcenlle ao Señor; pero as cousas reveladas perténcennos a nós e a nosos fillos para sempre, para cumprirmos as palabras desta lei. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)