Deuteronomio 26 - Biblia SEPT1 Cando entres no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza e tomes posesión del e vivas xa alí, 2 has de coller parte das primicias de todos os froitos do campo que recollerás da terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar. Poralas nunha cesta, e irás ao santuario que o Señor, o teu Deus, escolla para morar alí o seu Nome. 3 Irás onda o sacerdote que estea de servizo aqueles días e diraslle: Declárolle hoxe ao Señor, o meu Deus, que xa entrei no país que o Señor lles prometeu con xuramentos a nosos pais dárnolo a nós. 4 O sacerdote collerá a cesta da túa man e poraa diante do altar do Señor, o teu Deus. 5 Entón ti tomarás a palabra e dirás diante do Señor, o teu Deus: Meu pai era un arameo errante, que baixou a Exipto, onde residiu como emigrante con pouquiña xente, que o acompañaba. Alí converteuse nun pobo grande, poderoso e numeroso. 6 Pero os exipcios maltratáronnos, oprimíronnos e impuxéronnos cruel servidume. 7 Entón chamamos polo Señor, Deus de nosos pais, e o Señor escoitou o noso clamor e viu a nosa opresión e o noso duro traballo. 8 Logo o Señor fíxonos saír de Exipto con man forte e brazo estendido, con grande terror, con sinais e con feitos marabillosos, 9 e fíxonos entrar neste santuario e entregounos esta terra, terra que deita leite e mel. 10 Por isto, velaí que agora eu trouxen as primicias dos froitos da terra que ti me deches, Señor. Poralas na presenza do Señor, o teu Deus, prostraraste na presenza do Señor, o teu Deus, 11 e farás festa por todo o ben que che concedeu o Señor, o teu Deus, ti e mais o levita e o emigrante que vive contigo. O ritual do décimo do terceiro ano: profesión de obediencia 12 Cando remates de repartir todo o décimo das túas colleitas, no ano terceiro, isto é, o ano do décimo, e llo teñas xa dado ao levita, ao emigrante, ao orfo e mais á viúva, para que coman nas túas cidades ata se fartaren, 13 entón dirás na presenza do Señor, o teu Deus: Xa retirei da miña casa o que tiña que consagrar e xa llelo dei ao levita, ao emigrante, ao orfo e mais á viúva, todo conforme o mandamento que ti me mandaches; non quebrantei o teu precepto nin o esquecín. 14 Non o comín estando en dó ritual nin o separei estando impuro nin llo ofrendei a Mot. Fíxenlle caso á voz do Señor, o meu Deus, e comporteime en todo tal como ti mo mandaches. 15 Mira, pois, desde a túa santa morada, desde o ceo, e bendí o teu pobo, a Israel, e a terra de cultivo que nos deches, tal como llelo xuraches a nosos pais, unha terra que deita leite e mel. A observancia do Código deuteronómico e a autenticidade da Alianza 16 Hoxe o Señor, o teu Deus, mándache pór en obra estes preceptos e decretos. Gárdaos e ponos en obra con todo o teu corazón e con toda a túa ilusión. 17 Ti hoxe fixécheslle dicir ao Señor que El sería o teu Deus e que ti camiñarías polos seus vieiros, que gardarías os seus preceptos, os seus mandamentos e os seus decretos e que escoitarías a súa voz. 18 E hoxe o Señor fíxoche dicir a ti que serías o pobo da súa persoal propiedade tal como cho prometera e que gardarías os seus mandamentos, 19 e que El te convertería en gloria, en renome e en esplendor no máis grande de todos os pobos que El creou e que serías o pobo consagrado ao Señor, o teu Deus tal como cho dixo". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)