Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Deuteronomio 25 - Biblia SEPT

1 Cando haxa un preito entre dous homes, hanse de chegar ao tribunal dos xuíces que os han de xulgar, e declararán xusto o inocente, condenarán o culpable.

2 Se o xuíz decreta castigar con golpes o culpable, farao azoutar na súa presenza en número proporcional á culpabilidade.

3 Poderá castigalo con corenta azoutes, nada máis, non sexa que o continúen azoutando por enriba deste número, e a ferida sexa excesiva e teu irmán quede humillado na túa presenza.

4 Non lle porás bozo ao boi cando trille.


A lei do levirato

5 Se dous irmáns viven xuntos, e morre un deles sen fillos, a muller do defunto non será para un home alleo, non sairá para fóra da familia; o seu cuñado irá xunto dela e colleraa coma muller súa, e cumprirá con ela o seu deber de cuñado.

6 O primoxénito que ela dea a luz, constituirao el á fronte da familia de seu irmán defunto; deste xeito a familia deste non desaparecerá de Israel.

7 Pero se ao home non lle gusta casar coa cuñada, a cuñada subirá ás portas da cidade a onda os anciáns, e declarará: O meu cuñado rexeita a seu irmán, a súa familia en Israel, non quere cumprir no meu favor os seus deberes de cuñado.

8 Os anciáns da cidade citarano e diranllo; el comparecerá, e, se lles di: non quero collela,

9 entón a súa cuñada acercarase a el en presenza dos anciáns e desataralle a sandalia do seu pé, cuspiralle na cara, e logo tomará ela a palabra e dirá: Así se lle fai ao home que non quere construír a casa de seu irmán.

10 A súa familia chamarase en Israel: a casa do da sandalia desatada.


Golpe prohibido nas liortas

11 Se dous homes pelexan, un e mais o seu irmán, e a muller dun deles se arrima para librar o seu marido da man de quen lle está batendo, se ela mete a súa man e agarra forte o outro polas súas vergoñas,

12 entón cortaraslle a ela a man; os teus ollos non terán compaixón.


Legalidade no comercio

13 Non terás no teu saco dúas pesas de pedra distintas: unha máis grande e outra máis pequena.

14 Non terás na túa casa dous ferrados distintos: un grande e outro pequeno.

15 Has de ter pesas de bo peso e trato xusto; has de ter ferrado de boa medida e trato xusto, para que se multipliquen os teus días sobre a terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar.

16 Pois todo aquel que fai estas cousas, todo o que comete inxustiza, é unha abominación para o Señor, o teu Deus.


Contra os amalequitas

17 Lémbrate do que che fixo Amaleq no camiño, cando saístes de Exipto:

18 de como che saíu ao encontro polo camiño e de como te atacou por detrás, a ti e a todos os que viñan cansos detrás de ti, pois ti estabas fatigado e esmorecendo; non lle tivo ningún respecto a Deus.

19 Por iso, cando o Señor, o teu Deus, che permita descansar de todos os inimigos que hai ao teu arredor, na terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza, para que tomes posesión dela, has de borrar a lembranza de Amaleq de debaixo do ceo. Non te esquezas!

Lean sinn:



Sanasan