Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Deuteronomio 22 - Biblia SEPT


Respecto ós bens do próximo

1 Has de mirar polo boi de teu irmán ou polo seu carneiro extraviados; aínda que ti te queiras ocultar por causa deles, has de llos devolver sen demora a teu irmán.

2 Se teu irmán non está cerca de ti ou ti non o coñeces, recollerás o animal dentro da túa casa, e estará contigo ata que teu irmán o busque, e entón devolverasllo a el.

3 E o mesmo farás co seu burro, co seu vestido e con calquera obxecto perdido de teu irmán; se se lle perde e ti o atopas, non poderás desentenderte.

4 Si, has de ollar polo burro de teu irmán ou polo seu boi caídos no camiño, aínda que queiras desentenderte deles, has de axudar a teu irmán a levantalos.


O travestismo

5 A muller non porá sobre si cousas de home, e o home non vestirá vestido de muller, pois todo aquel que fai estas cousas é abominación para o Señor, o teu Deus.


Outras leis

6 Se atopas un niño de paxaros diante de ti no camiño, en calquera árbore ou no chan, con paxariños ou con ovos, e a nai está acochada sobre os paxariños ou sobre os ovos, non collerás a nai que está sobre os seus fillos.

7 Deixarás escapar a nai e collerás para ti os seus fillos, para que sexas feliz e alongues os teus días.

8 Se constrúes unha casa nova, farás unha varanda na azotea, dese xeito non cargarás co sangue vertido na túa casa, se morre o que caia dela.

9 Non has de sementar na túa viña dúas cousas; se non, quedará consagrado todo o froito: a semente que sementes e o produto da viña.

10 Non ares con boi e con burro aparellados.

11 Non te has de vestir con roupa de picote, la e liño xuntos.

12 Has de pór borlas nas catro puntas do manto co que te tapas.


Delitos contra o matrimonio a) As probas da virxindade

13 Se un home casa cunha muller e, despois de se unir a ela, non a quere

14 e lle atribúe cousas vexatorias, facendo que se estenda contra ela mala sona dicindo: Casei con esta muller, e cando me acheguei a ela, non atopei nela a virxindade,

15 entón o pai da rapaza e súa nai han de coller as probas da virxindade da rapaza e levaranas perante os anciáns da cidade, ás portas da cidade,

16 e o pai da rapaza diralles ós anciáns: Deille miña filla a este home como muller, pero el ódiaa,

17 e velaí que lle atribúe cousas vexatorias, dicindo: Non atopei na túa filla a virxindade; pero estas son as probas da virxindade da miña filla, e estenderá o pano diante dos anciáns da cidade.

18 Os anciáns da tal vila arrastrarán o marido para castigalo,

19 imporanlle unha multa de cen siclos de prata, e daranllos ao pai da rapaza, xa que aquel estendeu mala sona sobre unha virxe de Israel. Ela será a súa muller, sen que el a poida despedir en todos os días da súa vida.

20 Pero se o asunto este fose verdade e non se atopasen probas de virxindade en favor da rapaza,

21 farán saír a rapaza á porta da casa de seu pai e os homes da cidade apredrarana a cantazos, e morrerá, pois cometeu unha infamia en Israel, entregándose á prostitución na familia de seu pai. Deste xeito apartarás a maldade do medio de ti.


b) Adulterio de casados

22 Se se atopa un home deitado cunha muller casada con outro, morrerán eles os dous: o home que se deita coa muller casada e mais a tal muller. Deste xeito apartarás de Israel a maldade.


c) Violación dunha prometida

23 Se hai unha rapaza virxe prometida en matrimonio a un home, e outro home a atopa na cidade e se deita con ela,

24 entón sacaredes os dous ás portas da tal cidade e apedrarédelos a cantazos, e morrerán: a rapaza polo feito de non pedir auxilio na cidade, e o home polo feito de se aproveitar da muller do seu próximo. Deste xeito apartarás do medio de ti a maldade.

25 Pero se o home atopase no campo a rapaza prometida en matrimonio e lle fixese violencia para deitarse con ela, entón morrerá só o home que se deitou con ela,

26 pero á rapaza non lle farás nada; non é responsable a rapaza de pecado que mereza a morte, porque este caso é o mesmo que se un home se ergue contra o seu próximo e lle quita a vida,

27 pois foi no campo onde a atopou; a rapaza prometida pediu auxilio, pero non houbo quen a axudase.


d) Violación dunha virxe non prometida

28 Se un home atopa unha rapaza virxe que aínda non se prometeu, e se apodera dela e dorme con ela, pero son sorprendidos,

29 entón o home que se deitou con ela daralle ao pai da rapaza cincuenta siclos de prata, e ela será muller del despois que a posuíu. Non poderá este despedila en todos os seus días.

Lean sinn:



Sanasan