Deuteronomio 20 - Biblia SEPTA guerra santa 1 Cando saias para a guerra contra os teus inimigos e vexas cabalos, carros e exército máis numeroso ca ti, non lles teñas medo, pois está contigo o Señor, o teu Deus, o que te fixo rubir do país de Exipto. 2 E cando esteades cerca do momento da batalla, aproximarase o sacerdote para lle falar ao exército, 3 e diralle: Escoita, Israel: vós hoxe estades próximos á batalla contra os vosos inimigos; que a vosa afoutada decisión non se debilite, non teñades medo nin vos alarmedes nin vos amedrentedes coa súa presenza, 4 xa que o Señor, o voso Deus, avanza convosco para facer a guerra ao voso favor contra os vosos inimigos, co fin de darvos a vitoria. 5 Os comisarios falaranlle logo ao exército nestes termos: Quen é o home que ten construída unha casa nova e aínda non a consagrou coa inauguración? Que vaia e se volva á súa casa, non sexa que morra no combate e outro home a consagre coa inauguración. 6 Quen é o home que ten plantada unha viña e non se aproveitou dela? Que vaia e que se volva á súa casa, non sexa que morra no combate e outro home se aproveite dela. 7 Quen é o home que se prometeu a unha muller e non casou con ela? Que vaia e se volva á súa casa, non sexa que morra na batalla e outro home case con ela. 8 E continuarán os comisarios falándolle ao exército e diranlle: Quen é o home que ten medo e que se lle debilita a súa afoutada decisión? Que vaia e se volva á súa casa, e non faga esmorecer a afoutada decisión de seus irmáns o mesmo cá súa decisión. 9 E cando acaben os comisarios de lle falar ao exército, establecerán xefes de exército á fronte da tropa. A conquista das cidades na guerra santa 10 Cando te aproximes a unha cidade para facer a guerra contra ela, bérralle: Paz!, 11 e se ela responde: Paz! e abre as portas, entón todo o pobo que se atopa dentro dela servirache para traballos forzados e serán escravos teus. 12 Pero se non se fai a paz contigo e presenta combate, entón sitiarala, 13 pois o Señor, o teu Deus, entregaracha no teu poder, e ti matarás a todos os seus homes ao fío da espada. 14 Soamente has de saquear para ti as mulleres, os meniños, os animais e todo o que haxa na cidade, todo o seu botín, e comerás o botín dos inimigos que che entregue o Señor, o teu Deus. 15 O mesmo lles has de facer a todas as cidades que están moi lonxe de ti, porque non son as cidades destes pobos de aquí. 16 As cidades daqueles pobos que o Señor, o teu Deus, che dea en herdanza, son as únicas nas que non deixarás con vida a ningún ser vivente: 17 consagrarás á destrución sagrada os hititas, os amorreos, os cananeos, os perizitas, os hivitas e os iebuseos, tal como cho mandou o Señor, o teu Deus, 18 para que non vos ensinen a obrar segundo todas as abominacións que practican en honra dos seus deuses, e deste xeito non pequedes contra o Señor, o voso Deus. 19 Cando lle poñas sitio a unha cidade durante moitos días, facendo a guerra contra ela, co fin de a conquistares, non destrúas as súas árbores a golpes de machada, pois poderás precisar comer delas; por isto non as cortes, son acaso homes as árbores do campo para que sexan sometidas na túa presenza ao asedio? 20 Soamente poderás destruír e cortar a árbore que saibas que non dá froito comestible, e faralo para poder construír obra de asedio contra a cidade que está facendo a guerra contigo, ata que caia esa cidade. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)