Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Deuteronomio 19 - Biblia SEPT


As cidades de asilo para os homicidas involuntarios

1 Cando o Señor, o teu Deus, destrúa os pobos dos que o Señor, o teu Deus, che vai dar o país, e cando tomes posesión deles e vivas nas súas cidades e nas súas casas,

2 porás á parte tres cidades no medio do teu país, que o Señor, o teu Deus, che vai dar para que o posúas.

3 Establecerás alí autoridades e dividirás en tres o territorio do país que che dea en herdanza o Señor, o teu Deus. Deste xeito haberá onde poida escapar calquera homicida.

4 Esta é a lei do homicida que ha de escapar alí, e seguirá vivo: se un mata o seu próximo sen querer pois non o aborrecía anteriormente;

5 por exemplo: un vai co seu próximo ao bosque para abater árbores e o seu brazo enrédaselle coa machada no momento de cortar a árbore e o ferro salta do mango e dá contra o seu próximo e este morre, aquel debe fuxir a unha destas cidades, e poderá seguir vivo;

6 non sexa que o vingador do sangue vertido persiga ao homicida porque arde o seu corazón e que o alcance por ser o camiño moi longo, e que o mate, pero o homicida non incorre en pena de morte, xa que non lle tiña odio ao seu próximo anteriormente.

7 Por isto é polo que eu che mando que poñas á parte tres cidades.

8 Se o Señor, o teu Deus, ensancha as túas fronteiras, tal como llelo xurou a teus pais e che dá toda a terra que lles prometeu dar a teus pais

9 —xa que ti estás atento a pór en práctica todos estes mandamentos que eu che mando hoxe, para amar ao Señor, teu Deus, e camiñar polos seus vieiros todos os días—, entón engadirás aínda tres cidades ás outras tres.

10 Así non se verterá sangue inocente no medio do país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en herdanza, e ese sangue non recaerá sobre ti.

11 Se un lle ten odio ao seu próximo e se pon a axexalo, levántase contra el, golpéao de morte e este próximo morre, aquel escapará a unha desas cidades.

12 Pero os anciáns da súa cidade, mandarán xente que o saquen de alá e o entreguen no poder do vingador do sangue vertido, para que morra.

13 Os teus ollos non terán compaixón del, senón que retirarás de Israel o sangue inocente vertido e serás feliz.


Respectar os marcos que puxeron os devanceiros

14 Non retirarás para atrás os marcos do teu próximo que puxeron os devanceiros na túa herdanza, a que ti vas herdar no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en posesión.


As testemuñas do xuízo e a lei do talión

15 Unha testemuña non se presentará soa contra un home por calquera crime, por calquera pecado e por calquera falta que cometa; o ditame xudicial establecerase pola declaración de dúas testemuñas ou pola declaración de tres.

16 Se se presenta unha testemuña falsa contra un home, acusándoo de apostasía,

17 os dous homes que teñen a disputa comparecerán na presenza do Señor, na presenza dos sacerdotes e dos xuíces que haxa nos días aqueles,

18 e os xuíces han de investigar seriamente. Se a testemuña resulta ser testemuña falsa, ten deposto falsidade contra o seu irmán;

19 entón farédeslle o mesmo que pensaba el facerlle ao seu irmán. Deste xeito apartarás a maldade do medio de ti.

20 O resto da xente escoitará isto, e collerá medo e non seguirán a facer outra vez maldade coma esta no medio de ti.

21 Si, que o teu ollo non teña compaixón: vida por vida, ollo por ollo, dente por dente, man por man, pé por pé.

Lean sinn:



Sanasan