Deuteronomio 16 - Biblia SEPTAs festas: a) A Pascua e os Azimos 1 Garda o mes das Espigas e celebra a Pascua en honor do Señor, o teu Deus, pois no mes das Espigas fíxote saír de noite o Señor, o teu Deus, de Exipto. 2 De sacrificio de Pascua ofreceraslle ao Señor, o teu Deus, un cordeiro ou un becerro no santuario que escolla o Señor, para que alí habite o seu Nome. 3 Non comerás co sacrificio nada con fermento, durante sete días; comerás co sacrificio pan ácimo, pan de aflición, pois de présa saíches do país de Exipto: para que te lembres do día no que saíches do país de Exipto, todos os días da túa vida. 4 Non se verá fermento en todos os teus confíns durante sete días, e nada da carne que sacrifiques pola tarde do día primeiro pasará a noite ata a mañá seguinte. 5 Non poderás facer o sacrificio da Pascua en ningunha das túas cidades, nas que o Señor, o teu Deus, che entregue; 6 soamente no santuario que o Señor, o teu Deus, escolla para que alí habite o seu Nome. Has de ir facer alí o sacrificio da Pascua pola tardiña, cando se poña o sol, no preciso momento en que ti saíches de Exipto. 7 Cociñarás a vítima e comerala no santuario que o Señor, o teu Deus, escolla. Pola mañá darás a volta e camiñarás para as túas tendas. 8 Durante seis días comerás pan asmo, e no día sétimo terá lugar a reunión de festa en honor do Señor, o teu Deus. Non farás ningún traballo. b) A festa das Semanas 9 Contarás para ti sete semanas: desde que comeza a fouce a segar no pan, comezarás a contar sete semanas. 10 Entón celebrarás a festa das semanas en honor do Señor, o teu Deus. A proporción da ofrenda voluntaria da túa man que ti darás libremente, será segundo te bendiga o Señor o teu Deus. 11 No santuario que o Señor, o teu Deus, escolla para que more alí o seu Nome, fai festa na presenza do Señor, o teu Deus, ti e mais o teu fillo e mais a túa filla, o teu servo, e mais a túa serva, e o levita que vive dentro das portas da túa cidade, o emigrante, o orfo e mais a viúva que están no medio de ti. 12 Lembra que fuches escravo en Exipto; garda e cumpre todos estes preceptos e ponos en práctica. c) A festa das Tendas 13 Ao recoller os froitos da eira e mais do lagar, has de celebrar a festa das Tendas durante sete días. 14 Has de te alegrar na túa festa, ti e o teu fillo e mais a túa filla, o teu servo e mais a túa serva, o levita e mais o emigrante, o orfo e mais a viúva que haxa na túa cidade. 15 Sete días has de facer romaría en honor do Señor, o teu Deus, no santuario que o Señor escolla, pois o Señor, o teu Deus, bendiciute nas túas colleitas e nas obras da túa man; por isto, certamente estarás alegre. d) Resumo 16 Tres veces durante o ano todos os teus homes han de se presentar diante do Señor, o teu Deus, no lugar que El escolla: na festa do pan asmo, na festa das Semanas e na festa das Tendas, e non se han de presentar sen nada. 17 Cada un presentará a ofrenda da súa man, segundo a bendición que o Señor, o teu Deus, che concedeu. Leis para os xuíces 18 Poñerás pola túa conta para as túas tribos xuíces e maxistrados en todas as cidades, que o Señor, o teu Deus, che vai dar, e han de xulgar o pobo con xuízo xusto. 19 Non violentes o xuízo, nin te fixes nas caras dos litigantes, nin collas regalos: pois o regalo cega os ollos dos sabios, e perverte a causa dos xustos. 20 Buscarás a pura xustiza, para que poidas vivir feliz e tomar posesión do país que o Señor, o teu Deus, che vai dar. Pecados contra o culto e de idolatría 21 Non plantarás no teu proveito símbolos de Axerah nin ningunha árbore ao lado do altar do Señor, o teu Deus, que ti fagas. 22 Non levantarás estelas, que o Señor, o teu Deus, as aborrece. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)