Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Deuteronomio 14 - Biblia SEPT


Prohibición dun costume idolátrico

1 Fillos sodes vós do Señor, o voso Deus. Non vos fagades incisión, non fagades rapado entre os vosos ollos por quen morre,

2 xa que ti es un pobo consagrado ao Señor, o teu Deus, e o Señor escolleute para que lle foses o pobo da súa especial posesión entre todos os pobos que hai sobre a terra.

3 Non comerás nada abominable:

4 Estes son os animais que poderedes comer: o boi, o año, o cabrito,

5 o cervo, a gacela, a cabra corza, a cabra montesa, o antílope, o bisonte e castrón montés.

6 Todo animal que ten o casco partido e fendido en dúas metades, e que remoe, podedes comelo.

7 De entre eles soamente non podedes comer estes: o camelo, a lebre e o coello, pois aínda que remoen non teñen o casco partido. Para vós serán impuros.

8 E o porco, aínda que ten o casco partido, pero non remoe, será impuro para vós. Non lle poderedes comer a carne, nin poderedes tocar o seu cadáver.

9 De todo o que hai na auga poderedes comer isto: todo o que ten aletas e escamas podedes comelo;

10 pero todo o que non teña aletas nin escamas non o podedes comer, será impuro para vós.

11 Todo paxaro puro poderedes comelo.

12 Velaí os que non poderedes comer: a aguia, o voitre barbado, a aguia de mar;

13 o voitre emigrante, e o voitre de calquera caste,

14 e corvo de calquera caste,

15 e a avestruz, o falcón, a gaivota, e toda especie de azor;

16 o moucho, o ibis, o cisne,

17 o pelicano, a grúa, o corvo do mar,

18 A cegoña, a garza real nas súas diferentes especies, a bubela e o morcego.

19 Todo insecto voador será impuro para vós, non se comerá.

20 Podedes comer todos os paxaros puros.

21 Non podedes comer ningún animal que morreu: darasllo ao emigrante que está dentro das portas da túa cidade e comerao, ou se non, véndello ao estranxeiro, xa que ti es un pobo consagrado ao Señor, o teu Deus. Non cocerás o cabrito no leite da súa nai.


O décimo anual

22 Xuntarás o décimo de todos os produtos da túa sementeira, do que dá o campo, ano tras ano,

23 e comeralos na presenza do Señor, o teu Deus, no santuario que escolla para facer residir alí o seu Nome: o décimo do teu trigo, do teu mosto e do teu aceite e mais os primoxénitos do teu gando e do teu rabaño, para que aprendas a respectar o Señor, o teu Deus, todos os días.

24 Pero se o camiño desde onde vives fose tan grande que non es capaz de levar o décimo (porque está moi lonxe de ti o santuario que o Señor, o teu Deus, escolla para pór alí o seu Nome, e porque o Señor, o teu Deus, te bendiciu con abundancia)

25 pon o décimo en diñeiro, colle o diñeiro na túa man, e vai ao santuario que escolla o Señor, o teu Deus.

26 Logo compra con diñeiro todo o que lle apetece á túa gorxa: gando, reses, viño e bebidas fermentadas e todo o que che apeteza. Come alí na presenza do Señor, o teu Deus, e fai festa, ti e mais os da túa casa.

27 Non te esquezas do levita que vive dentro das portas da túa cidade, pois non ten parte nin herdanza contigo.


O decimo trienal

28 O cabo de tres anos, sacarás todo o décimo dos teus produtos dese ano e poralos ás portas da túa cidade.

29 Virá o levita, pois non ten parte nin herdanza contigo, e mais o emigrante, o orfo e a viúva que hai dentro das portas da túa cidade, e comerán ata se fartaren para que te bendiga o Señor, o teu Deus, en todas as obras das túas mans que queiras facer.

Lean sinn:



Sanasan