Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Deuteronomio 13 - Biblia SEPT

1 Todas as cousas que eu vos mando, estade atentos e cumprídeas. Non lles engadades nin lles quitedes nada.


Pena de morte para os incitadores á idolatría

2 Se xorde no medio de ti un profeta ou un soñador de soños e che presenta un sinal ou un prodixio,

3 e se se cumpre o sinal ou o prodixio que che dixo, e logo el di: Camiñemos tralos deuses alleos que non coñecemos e deámoslles culto,

4 non lles fagades caso ás palabras de tal profeta ou ao tal soñador de soños; pois o Señor, o voso Deus, estavos pondo á proba, para saber se de verdade amades o Señor, o voso Deus, con todo o voso corazón e con toda a vosa intención.

5 Camiñaredes tralo Señor, o voso Deus, respectarédelo a El, gardaredes os seus mandamentos, escoitaredes a súa voz, darédeslle culto a El e apegarédevos a El.

6 E o tal profeta ou o tal soñador de soños ha de ser executado, pois predicou a rebelión contra o Señor, o voso Deus, que vos sacou do país de Exipto e que vos rescatou da escravitude; si, quíxote apartar do camiño polo que o Señor, o teu Deus, che mandara camiñar. Dese xeito farás desaparecer do medio de ti a maldade.

7 Se teu irmán, fillo de teu pai ou da túa nai, ou o teu fillo ou a túa filla ou a muller que repousa no teu seo ou o teu amigo que é coma a túa vida, te incitan ás agachadas, dicíndoche: Vaiamos dar culto a deuses alleos, que non coñeciches nin ti nin teus pais

8 —trátese dos deuses dos pobos que vos rodean cerca de ti ou dos que están lonxe de ti desde un cabo de terra ao outro cabo da terra—,

9 non lle obedezas nin lle fagas caso, nin o teu ollo teña piedade del, nin sintas compaixón, nin o encubras.

10 Debes absolutamente matalo: a túa man será a primeira en darlle morte, e a man de todo o pobo seguirá despois:

11 Acantázao con pedras e que morra, xa que tratou de te apartar do Señor, o teu Deus, que te sacou do país de Exipto, da escravitude.

12 Así, todo Israel, ao escoitar isto, terá medo e non continuará cometendo no medio de ti maldade semellante a esta.

13 Cando nunha das túas cidades, que o Señor, o teu Deus, che concedeu para vivires nela, oias dicir

14 que uns homes, fillos de quen non serve para nada, saíron do medio de ti e seduciron os habitantes da súa cidade, dicíndolles: Vaiamos dar culto ós deuses alleos que non coñeciades,

15 entón investiga, examina e pregunta con todo coidado. Se resulta que se establece a verdade, de tal feito que esa abominación se cometeu no medio de ti,

16 entón bateraslles co fío da espada ós habitantes da tal cidade: entregarala con todo o que hai nela ao exterminio sagrado co fío da espada.

17 Xuntarás no medio da praza da cidade todo o seu botín; a cidade e o botín queimaralos totalmente na labarada en ofrenda ao Señor, o teu Deus; e ela ha ser coma un outeiro para sempre, pois non será reedificada.

18 Nada do consagrado ao exterminio se che pegará á túa man, para que o Señor cambie o ardor da súa ira e che conceda misericordia e teña compaixón de ti e te multiplique, tal como llelo xurou a teus pais.

19 Si, escoita a voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos, que eu che mando hoxe, e facendo o que é recto ós ollos do Señor, o teu Deus.

Lean sinn:



Sanasan