Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Deuteronomio 11 - Biblia SEPT

1 Amarás o Señor, o teu Deus, e gardarás o que El mande: os seus preceptos os seus decretos e os seus mandamentos todos os días.


b) Recoñecemento das obras do Señor na historia

2 Recoñecédeo hoxe. Certo que non se trata dos vosos fillos, que nin coñeceron nin viron o castigo do Señor, voso Deus, nin a súa grandeza, nin a súa man poderosa, nin o seu brazo estendido,

3 nin os seus prodixios, nin as súas obras, as que El fixo no medio de Exipto contra o Faraón, rei de Exipto, e contra todo o seu país:

4 As que fixo contra o exército de Exipto, contra os seus cabalos e contra os seus carros; de xeito que fixo fluír as augas do mar dos Xuncos sobre a súa furia, cando vos perseguían, e destruíunos o Señor ata o día de hoxe;

5 As que fixo contra vós no deserto ata que chegastes a este lugar;

6 e as que fixo contra Datán e Abiram, os fillos de Eliab, fillo de Rubén, cando o abismo abriu a súa boca e os tragou no medio de todo Israel: a eles, as súas familias, as súas tendas e a todos os seres vivos que estaban á súa disposición.

7 Certo que se trata dos vosos ollos que viron a obra que o Grande Señor fixo.

8 Gardaredes todos os mandamentos que eu che mando hoxe, a fin de terdes forza para entrar e tomar posesión do país, ao que ides pasar e tomar en posesión,

9 e a fin de que se che alonguen os días sobre a terra, que o Señor prometeu con xuramento dar a vosos pais e mais á súa descendencia. Terra que rega leite e mel.


c) O bo país que Deus vos dá

10 Certo que no país ao que ti vas entrar para o tomares en posesión, non é coma o país de Exipto, de onde saístes, e onde botabas a túa sementeira e regabas ao pé, coma nun horto de verduras.

11 Si, o país a onde vas cruzar para o tomares en posesión, é un país de montañas e de vales; bebe a auga da chuvia do ceo;

12 é un país do que o Señor, o teu Deus, se coidará, e os ollos do Señor, o teu Deus, estarán continuamente postos nel desde o comezo ata a fin do ano.

13 Se lles facedes de verdade caso ós meus mandamentos, os que eu vos mando hoxe, amando o Señor, voso Deus, e servíndoo con toda a vosa intención e con todo o voso ser,

14 eu mandarei ao seu tempo a chuvia da vosa terra, a chuvia do outono e a chuvia da primavera: recollerás o teu trigo, o teu mosto e o teu aceite;

15 porei herba nos teus campos para o teu gando, e ti comerás ata fartar.

16 Tende moito coidado de que o voso corazón non se deixe seducir e vós vos extraviedes e deades culto a deuses alleos e vos prostredes diante deles.

17 Porque se acendería a ira do Señor contra vós: pecharía o ceo e non habería chuvia, e o campo non daría o seu froito, e desapareceriades axiña de sobre esta boa terra que vos vai dar o Señor.


d) Exhortación á fidelidade ós mandamentos

18 Constituíde estas palabras miñas coma obxecto das vosas intencións e do voso esforzo, atádeas ao voso pulso coma sinal, e póndeas entre os vosos ollos coma filacteria;

19 ensinádellelas a vosos fillos, falándolles delas, cando esteas sentado na túa casa e cando vaias de camiño, cando esteas deitado e cando esteas de pé;

20 e escríbeas nos marcos da túa casa e nas túas portas,

21 para que os vosos días e os días dos vosos fillos sobre a terra, que o Señor prometeu con xuramento dar ós vosos pais, duren tanto coma os días do ceo sobre a terra.

22 Ollade que se gardades fielmente todos estes mandamentos que eu vos mando cumprir, amando o Señor, camiñando por todos os seus vieiros e apegándovos a El,

23 entón o Señor irá diante de vós expulsando a todos estes pobos, e vós tomaredes posesión de pobos máis grandes e máis poderosos ca vós.

24 Todos os lugares onde pise a planta do voso pé serán vosos. A vosa fronteira será desde o deserto e o Líbano, e desde o río Éufrates ata o mar do Occidente.

25 Ninguén se resistirá diante de vós. O Señor, voso Deus, difundirá pánico e medo por todo o país no que vós pisedes, tal e como volo dixo.


e) A bendición e a maldición na Alianza de Xequem

26 Olla! Eu poño diante de vós hoxe bendición e maldición:

27 A bendición, se facedes caso dos mandamentos do Señor, voso Deus, que eu vos mando hoxe;

28 e a maldición, se non facedes caso dos mandamentos do Señor, voso Deus, e vos apartades do camiño que eu vos mando hoxe, marchando tras de deuses estranxeiros que non coñeciades.

29 Cando o Señor, o teu Deus, te faga entrar no país a onde vas para o tomares en posesión, ti porás a bendición sobre o monte Garizim e a maldición sobre o monte Ebal.

30 Estes montes dominan a ribeira do Xordán detrás do camiño da posta do sol, o territorio do rei cananeo que manda na Arabah, fronte a Guilgal, no lado da aciñeira de Moreh.


f) Introdución e vínculo do código

31 Ollade que ides cruzar o Xordán para entrardes a tomar posesión do país que o Señor, o voso Deus, vos dá; tomade posesión del e dominádeo,

32 e estade atentos a cumprir todos os mandamentos e decretos que eu vos poño diante hoxe.

Lean sinn:



Sanasan