Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Deuteronomio 10 - Biblia SEPT


A Arca da Alianza, os levitas e a morte de Aharón

1 Naquela ocasión díxome o Señor: Corta dúas lousas de pedra, coma as primeiras, e sube a xunto de min á montaña, e fai tamén unha arca de madeira:

2 Eu vou escribir sobre as lousas os mandamentos que había sobre as lousas primeiras que ti rompiches, e logo halas pór na arca.

3 Entón eu fixen unha arca de madeira de acacia, cortei dúas lousas de pedra, coma as primeiras, e subín á montaña coas dúas lousas na miña man.

4 El escribiu nas lousas, coa mesma escritura da primeira vez, os dez mandamentos que vos dera o Señor na montaña, desde o medio do lume o día da asemblea, e entregoume as lousas a min.

5 Logo dei volta e baixei da montaña; puxen as lousas na arca que fixera, e quedaron alí, tal como o Señor mo mandara.

6 Os israelitas marcharon dos pozos de Bene-Iacán ata Moserah. Alí morreu Aharón e alí foi enterrado, e o seu fillo Elazar sucedeuno no cargo de sacerdote.

7 Desde alí marcharon ata Gudgódah, e de Gudgódah ata Iotbátah, terra de regueiros de auga.

8 Naquela ocasión escolleu o Señor a tribo de Leví para que levase a Arca da Alianza do Señor, para que se mantivese na presenza do Señor dándolle culto e bendicindo no seu nome tal como fai aínda hoxe.

9 Por isto, Leví non ten herdanza nin parte coma os seus irmáns. A súa herdanza é o Señor, tal como llo dixo o Señor, o teu Deus.

10 Entón eu quedei na montaña, o mesmo cá primeira vez, durante corenta días e corenta noites, e tamén esta vez me fixo caso o Señor. O Señor non quixo destruírte,

11 senón que me dixo: Levántate, e vai diante do pobo darlle o sinal de saída, para que entren a tomar posesión do país, que xurei darlles ós vosos pais.


Síntese final: a) Esixencias da Alianza

12 E agora Israel que é o que o Señor, o teu Deus, che pide? Tan só que respectes o Señor, o teu Deus, que camiñes por todos os seus vieiros, que o ames e que sirvas o Señor, o teu Deus, con todas as túas intencións e con todos os teus folgos,

13 que gardes os mandamentos do Señor e os seus preceptos, que eu che mando para o teu ben.

14 Si, do Señor, o teu Deus, son os ceos e o máis esplendoroso dos ceos, a terra e todo o que hai nela;

15 pero soamente de teus pais se namorou o Señor, e escolleuvos a vós, a súa descendencia, de entre todos os pobos, tal como se ve hoxe.

16 Circuncidade os prepucios dos vosos corazóns e non volvades endurecer a vosa cabeza,

17 pois o Señor, o teu Deus, é Deus dos deuses, Señor dos señores, o Deus grande, poderoso e temible; é imparcial e non acepta o suborno;

18 El é quen lles fai xustiza ao orfo e á viúva, e quen ama ao emigrante dándolle pan e vestido.

19 Amaredes o emigrante, xa que fostes emigrantes no país de Exipto.

20 O Señor o teu Deus, respectarás, a El servirás e a El has de te apegar e prestar xuramento no seu nome.

21 El será a túa loanza, El será o teu Deus, que fixo por ti esas grandes e terribles cousas que viron os teus ollos.

22 Setenta persoas eran os teus devanceiros cando baixaron a Exipto, pero agora o Señor, o teu Deus, volveute tan numeroso coma as estrelas do ceo.

Lean sinn:



Sanasan