Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Deuteronomio 1 - Biblia SEPT


Introdución histórica

1 Estas son as palabras que lle dirixiu Moisés a todo Israel na outra beira do Xordán, no deserto, isto é, na Arabah, enfronte de Suf, entre Parán por unha banda e Tofel, Labán, Haserot e Dizahab pola outra.

2 Para viren desde o Horeb ata Cadex Barnea pola serra de Seir cumpríronlles once días.

3 O día primeiro do undécimo mes do ano corenta, faloulles Moisés ós israelitas, tal e como lle mandara o Señor que lles falase,

4 despois de que Moisés derrotara ao rei dos amorreos, Sihón, que reinaba en Hexbón, e despois de que derrotara en Edrei ao rei de Baxán, Og, que reinaba en Axtarot.

5 O outro lado do Xordán, no país de Moab, comezou Moisés a pór en claro esta Lei dicíndolles:


A doazón da Terra Prometida

6 "O Señor, noso Deus, falounos no Horeb, nestes termos: xa levades vivindo de abondo nestas serras.

7 Arrincade as vosas tendas e entrade na serra dos amorreos e onda os seus veciños que viven na Arabah, na montaña e na Terra Baixa, no Négueb e na beira do mar. Ollade para o país dos cananeos e para o Líbano ata o río grande, o río Éufrates.

8 Poño diante de vós esta terra: entrade a tomar posesión da terra que o Señor lles prometeu con xuramento ós vosos pais, a Abraham, a Isaac e mais a Xacob: que llela daría a eles e á súa descendencia despois deles.


Institución dos Xuíces nunha comunidade organizada

9 Daquela díxenvos deste xeito: Non son capaz eu só de vos rexer;

10 o Señor, voso Deus, multiplicouvos e velaí que hoxe sodes unha multitude coma as estrelas do ceo.

11 Que o Señor, Deus dos vosos pais, vos aumente mil veces máis e que vos bendiga tal e como volo prometeu.

12 E como poderei aguantar eu só as vosas dificultades, os vosos problemas e os vosos litixios?

13 Procurádevos para as vosas tribos homes de experiencia, intelixentes e instruídos, e eu poreinos á fronte de vós.

14 Entón vós respondéstesme: Está ben o plan que nos propuxeches facer.

15 Logo eu escollín para pór á fronte das vosas tribos homes de experiencia e instruídos, e púxenos á vosa fronte: xefes de mil, xefes de cento, xefes de cincuenta e xefes de dez, para cada unha das vosas tribos.

16 Naquel momento deilles tamén estas normas ós vosos xuíces: Escoitade os litixios entre os vosos irmáns, e sentenciade conforme a xustiza os preitos entre un e o seu irmán, ou entre un e o estranxeiro que con el vive.

17 No xuízo non teñades en conta o aspecto das persoas: atendede ao pequeno o mesmo ca ao grande; non lle teñades medo á presenza de ninguén, pois o xuízo é cousa que lle pertence ao Señor. O preito que vos resulte difícil traédemo a min, que eu o escoitarei.

18 Naquel momento tamén vos mandei todas as normas que tendes que cumprir.


Exploración do país e primeira desconfianza con Deus

19 Logo marchamos do Horeb e, atravesando todo aquel inmenso e terrible deserto que vós vistes, polos montes dos amorreos, tal como nolo mandara o Señor, noso Deus, chegamos a Cadex Barnea.

20 Entón eu díxenvos: Xa chegastes ós montes dos amorreos, que o Señor, o noso Deus, nos entrega.

21 Olla: o Señor, o teu Deus, ponche diante este país: Sube e toma posesión del, tal como o Señor, Deus dos teus pais, cho prometeu. Non teñas medo nin te acovardes!

22 Entón todos vós presentástesvos diante miña e dixestes: É mellor que mandemos uns homes diante de nós para que nos exploren o terreo e nos informen do camiño por onde temos que subir e das cidades que temos que tomar.

23 Pareceume ben a proposta, e escollín de entre vós doce homes, un home por tribo.

24 Eles emprenderon a subida cara ós montes, e chegaron á ribeira do Excol; e percorrérona a pé.

25 Colleron a proba dos froitos deste país, e baixaron xunto a nós para nos informaren. Dixeron: É boa a terra que o Señor, o noso Deus, nos vai dar.

26 Pero vós non quixestes subir e rebelástesvos contra a orde do Señor, voso Deus.

27 Levantastes calumnias baixo as vosas tendas, dicindo: Polo odio que o Señor nos ten, foi polo que nos sacou do país de Exipto, para nos entregar ao poder dos amorreos, para que nos fagan desaparecer.

28 Onde imos nós subir? Os nosos irmáns fixeron esmorecer os nosos corazóns, ao diciren: Son un pobo máis grande e máis corpulento ca nós, cidades máis grandes e máis cortadas a pico có ceo e mesmo vimos alí anaquitas.

29 Entón díxenvos: Non estarrezades nin lles teñades medo.

30 O Señor, o voso Deus, será quen irá diante de vós; El pelexará no voso favor tal como fixo, diante dos vosos ollos, en Exipto.

31 E polo deserto viches como o Señor, o teu Deus, te trouxo no colo, coma un home trae ao seu fillo, por todo o camiño que percorrestes ata chegardes a este lugar.

32 Pero a pesar deste razoamento vós non vos fiastes do Señor, o voso Deus,

33 quen ía por diante de vós polo camiño, para vos buscar sitio onde acampar, quen ía diante de vós de noite, no lume, para que vísedes o camiño por onde tiñades que marchar, e de día, na nube.

34 O escoitar o Señor o rumor das vosas palabras, enfadouse, e con xuramento dixo:

35 Ninguén destes homes, ninguén desta xeración pervertida verá esa terra bendita, que xurei darlles ós vosos pais,

36 excepto Caleb, fillo de Iefuneh; este poderá vela e eu dareilles a el e ós seus fillos a terra que pise, xa que el seguiu sen reservas ao Señor.

37 Pola vosa culpa tamén se enfadou o Señor contra min e díxome: Tampouco ti non entrarás alí.

38 Xosué, o fillo de Nun, o teu criado, el será quen entrará alí; confiareille o poder, pois el será quen lle repartirá a Israel a terra en herdanza.

39 Os vosos meniños, que coidabades que servirían de botín, os vosos fillos que hoxe aínda non saben distinguir o ben do mal, eles serán os que entrarán alí, a eles dareilles a terra e eles tomarán posesión dela.

40 Vosoutros dade a volta e botádevos ao deserto na dirección do Mar Rubio.

41 Entón vós repondéstesme nestes termos: Cometemos pecado contra o Señor. Imos subir e loitar tal como nolo mandou o Señor, noso Deus. Vós cinguistes as vosas armas de guerra e tivestes por cousa fácil subir ós montes.

42 Pero o Señor díxome: Dilles isto: Non subades nin trabedes pelexa, ollade que eu non estou no medio de vós para que non vos poidan os vosos inimigos.

43 Díxenvolo, pero non me fixestes caso, senón que vos rebelastes contra o mandato do Señor, e cheos de orgullo subistes ós montes.

44 Pero os amorreos, que dominaban aquelas montañas, saíronvos ao paso e perseguíronvos o mesmo que o farían as abellas, e derrotáronvos desde Seir ata Hormah.

45 O volverdes, puxéstesvos a chorar diante do Señor, pero o Señor non fixo caso do voso choro nin vos escoitou;

46 por isto seguistes vivindo en Cadex tanto tempo como alí levabades vivindo.

Lean sinn:



Sanasan