Colosenses 3 - Biblia SEPT1 Polo tanto, se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; 2 Arelade o de arriba e non o da terra. 3 Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. 4 Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El revestidos de claridade. 5 Así que, dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría. 6 Estas son as cousas polas que o noxo de Deus cae sobre os fillos rebeldes; 7 e nelas andastes vós en tempos cando viviades emporcallados nelas. 8 Pero agora deixádevos de todo iso: furor, carraxe, ruindade, aldraxes e palabras groseiras, lonxe dos vosos beizos. 9 Non mintades uns a outros, xa que vos espistes do home vello cos seus malos feitos 10 e vos revestistes do home novo, que se vai anovando, conforme a imaxe de quen o creou, para chegar a un coñecemento total. 11 Alí xa non hai máis nin grego nin xudeu, circuncisión nin non circuncisión, estranxeiro nin bárbaro, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en todos. 12 Vós, logo, coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. 13 Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. 14 E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva a perfección. 15 Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos. 16 Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas. 17 E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle grazas a Deus Pai por medio del. Preceptos concretos 18 Mulleres, sede dóciles ós vosos homes coma lle acae a unha muller cristiá. 19 Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspetos con elas. 20 Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor. 21 Pais non asoballedes os vosos fillos, para que non saian coitados. 22 Escravos, obedecede en todo ós amos que tedes na terra, non para buscar o contento dos homes que ven o voso servizo, senón de corazón por respecto ó Señor. 23 Todo canto fagades, facédeo con toda a alma, como para o Señor e non para os homes, 24 tendo en conta que recibiredes do Señor a herdade coma recompensa. Servide a Cristo, o voso Señor. 25 Quen cometa inxustiza, recibirá o merecido pola súa inxustiza, que Deus non anda con favoritismos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)