Colosenses 1 - Biblia SEPTSaúdo e introdución 1 Paulo, apóstolo de Xesús Cristo pola vontade de Deus e mais o irmán Timoteo, 2 ós santos e fieis irmáns en Cristo Xesús que viven en Colosas: desexámosvos a graza e paz de Deus, noso Pai. 3 Dámoslle grazas a Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, rezando decote por vós, 4 desde que nos chegou a nova da vosa fe en Cristo Xesús e do amor que tedes a todos os cristiáns, 5 por mor da esperanza de quen vos agarda alá no ceo; esa esperanza da que oístes falar na palabra de verdade do Evanxeo 6 que chegou ata vós. Tamén entre vós, coma en todo o mundo, o Evanxeo dá froitos e medra desde o día que escoitastes e coñecestes de verdade a graza de Deus, 7 tal coma volo ensinou Epafras, o noso benquerido compañeiro de servizo, fiel servidor de Cristo no noso lugar; 8 tamén el nos deu novas do amor que pon en vós o Espírito. 9 Por esta razón tamén nós, desde o día en que soubemos disto, non deixamos de rezar por vós. Pedímoslle a Deus que vos encha do coñecemento da súa vontade, con todo o saber e intelixencia que dá o Espírito. 10 Así daredes coma froitos toda clase de obras boas e medraredes no coñecemento de Deus; 11 estaredes fortalecidos en todo coa súa potencia magnífica para serdes con ledicia pacientes e constantes a toda proba; 12 e darédeslle grazas ó Pai que nos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz. SECCIÓN DOUTRINAL Cristo, misterio de Deus 13 Porque El arrincounos da pouta das tebras para nos pasar ó Reino de seu Fillo querido, 14 en quen nós atopamos redención, o perdón dos pecados. 15 El é a imaxe do Deus invisible, de toda criatura el é o primeiro nacido, 16 e por medio del fixéronse as cousas, as da terra e tamén as do ceo, as vistas cos ollos, as por eles non vistas; señoríos sexan ou ben maxestades, sexan principados, tamén potestades; el é modelo e fin do universo creado. 17 Antes ca todo está el, todo nel se cimenta aínda hoxe. 18 É tamén a cabeza do corpo o corpo é a Igrexa. El é o principio, o primeiro en nacer de entre os mortos, de xeito que en todo sexa sempre o primeiro. 19 Porque nel quixo Deus habitar coa súa total plenitude: 20 reconciliar así o universo consigo, por el; e no sangue da cruz poñer paz entre os seres da terra e do ceo, servíndose del. 21 Tamén vós estabades noutro tempo afastados e manifestabades cos vosos feitos a vosa profunda hostilidade; 22 pero agora Deus reconciliouvos pola morte do corpo perecedoiro do seu fillo, para vos presentar santos diante del, sen chata e irreprensibles ós seus ollos. 23 Unicamente que debedes seguir cimentados e firmes na fe e non vos arredar da esperanza que escoitastes no Evanxeo; ese Evanxeo que se lles predicou a todas as criaturas, debaixo do ceo, e do que a min, Paulo, me fixeron servidor. Paulo, servidor da Igrexa 24 Agora alégrome do que teño que padecer por vós; así completo na miña carne o que lles falta ás penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa. 25 Desta Igrexa fíxoseme servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión: predicar cumpridamente a palabra de Deus, 26 ese misterio escondido desde séculos e xeracións, pero que agora se manifesta ó seu pobo santo. 27 A este pobo quíxolle Deus amosar a espléndida riqueza que representa para os pagáns este segredo: que Cristo, a gloria esperada, tamén é para vós! 28 El é a quen nós anunciamos, aconsellando a todos, adoutrinándoos o mellor que sabemos para facer cristiáns coma é debido. 29 Por isto é polo que eu peno e loito coa axuda da súa forza que traballa en min abondosamente. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)