Cantares 8 - Biblia SEPTSe foses meu irmán 1 Quen te me dera coma irmán, criado ós peitos de miña nai! Se te atopase na rúa, poderíache dar un bico e ninguén me aldraxaría. 2 Traerte había eu e meterte na casa da que me criou. Daríache a beber un viño mesturado, o doce mosto das miñas granadas. 3 Puxo a súa esquerda baixo a miña cabeza, coa súa dereita unha aperta me está a dar. 4 Conxúrovos, meniñas de Xerusalén, non espertedes nin desveledes o Amor ata que el queira! 5 —Quen é esta que sobe da estepa do brazo xa do seu amigo? —Baixo a maceira esperteite, onde túa nai te deu a luz, onde por ti sufriu quen te xerou. 6 Márcame coma un selo no corazón, coma un selo no teu brazo! Pois é rexo coma a morte o Amor, duros coma o Xeol son os celos; son os seus lóstregos coruscar de lume, divina labarada. 7 Mil torrentes non o poden amatar nin alagalo a riada. Se alguén quixese dar todo o haber da súa casa en pago do Amor, ben sería escarnecido. 8 Temos unha irmanciña que aínda non ten peitos: Que faremos nós da nosa irmá o día en que a veñan pretender? 9 Se é coma unha muralla, sobre ela construiremos un amear de prata; se é coma unha porta, contra ela afincaremos un taboado de cedro. 10 Son eu unha muralla, son torres os meus peitos, e fíxenme ós seus ollos coma a que porta a paz. 11 Salomón tivera unha viña en Baal-Hamón e cedeuna ós parceiros, que lle han arrendar polo froito ata mil siclos de prata. 12 O que é a miña viña, sérveme só a min! Para ti os miles, Salomón, e dálles aínda douscentos ós que che gardan as rendas! 13 Ti, a que moras nos hortos, os compañeiros están a escoitarte! Faime sentir a túa voz! 14 Fuxe, meu amigo, e seméllate á gacela ou ó cervo noviño polos montes de bálsamo! |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)