Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Cantares 7 - Biblia SEPT


Danza da Xulamita

1 —Vira, vira, Xulamita! Vira, vira, que te estamos a ollar! —Que estades a ollar para a Xulamita cando se pon a bailar na regueifa?

2 —Que xeitoso o teu puntear nas sandalias, filla de nobre! As curvas dos teus cadrís son coma aneis, feitura de man de artista.

3 O teu embigo, unha cunca en media lúa, non terá falta de licor. O teu ventre é monllo de trigo cinguido de lirios.

4 Os teus peitos son coma dúas crías xemelgas de gacela.

5 O teu pescozo, cal torre de almafí. Os teus ollos, estanques de Hexbón xunto á porta de Bat-Rabim. É o teu perfil coma a torre do Líbano que vixía Damasco.

6 Tes ergueita a cabeza coma o Carmelo; son as túas trenzas da color da púrpura. Un Rei prenderíase nos teus rizos!


Palmeira

7 Que belida ti es, que agarimosa, meu amor apaixonado!

8 O teu van seméllase á palmeira e os teus peitos ós acios.

9 E dixen eu: Subir hei á palmeira e coller hei os dátiles! Serán para min os teus peitos coma acios de vide, e o teu alento, un aroma de mazás.

10 O teu bicar é un viño xeneroso que corre dereitiño esvarando por labios e por dentes.

11 —Eu son do meu amigo, e de min a súa arela!


Don na aberta campía

12 —Ven, meu amigo, e saiamos para o campo; pasaremos a noite nos lugares,

13 e nas viñas habemos de espertar; veremos se xa xermola a vide, se xa agroman as flores e están a abrochar os granados; alí hei darche os meus agarimos.

14 As mandrágoras dan a súa fragrancia; hai xunto ás nosas portas mil froitos cobizosos, dos novos e dos secos, que eu reservei, amigo, para ti.

Lean sinn:



Sanasan