Cantares 6 - Biblia SEPTXardineiro e pastor 1 —Para onde foi o teu amigo, belida entre as mulleres? Cara a onde volveu o teu amigo e contigo o iremos buscar? 2 —Baixou o meu amigo ó seu horto, vai nas matas do bálsamo; foi pastar no xardín e facer a colleita de lirios. 3 Eu son do meu amigo e o meu amigo é meu, que pasta nos lirios. Medo 4 —Fermosa es ti, miña amada, coma Tirsah, xentil coma Xerusalén, terrible cal batallón, pendóns ó vento. 5 Torna os ollos de min que me fan arrepiar! Os teus cabelos son fato de cabuxas que baixan serpeando do Galaad. 6 Os teus dentes, grea de ovellas nais subindo do lavado, todas elas preñadas de xemelgos, e ningunha hai maniña. 7 Rebandas de granada son as túas meixelas por entre o teu veo. Fachenda 8 Se son sesenta as raíñas, oitenta as favoritas e sen conta as doncelas, 9 só unha é a miña pomba, a máis perfecta, a única de súa nai, preferida daquela que a xerou. Vírona as donceliñas, e gabárona, as raíñas e favoritas, e loárona. 10 —"Quen é esta que está a xurdir coma a alborada, fermosa coma a lúa chea, a brillar coma o sol, terrible cal batallón, pendóns ó vento? 11 Ao nogueiral baixei ver xermolar as palmas, ollar se agroma a vide e florecen os granados. 12 Non sei o que me pasa pois que me puxo a tremer ela, a filla de xentes nobres. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)