Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Cantares 4 - Biblia SEPT


Corpo xeitoso

1 —Si que es belida, miña amada, si que es belida! Os teus ollos son pombiñas por entre o teu veo. Os teus cabelos, un fato de cabuxas que baixan serpeando do monte Galaad;

2 os teus dentes, grea de ovellas tosquiadas subindo de se lavar, todas elas preñadas de xemelgos e ningunha hai maniña.

3 Cal fita carmesí son os teus labios, é doce a túa fala; metades de granada as túas meixelas por entre o teu veo.

4 Atalaia davídica é o teu pescozo, ben fornecida de ameas; mil escudos van dela pendurados, todas as adargas dos guerreiros.

5 Os teus dous peitos son coma dúas crías xemelgas de gacela, a pastar nos lirios.

6 Ata que sopre o día e fuxan as sombras hei subir ó monte da mirra, ata o cume do incenso.

7 Toda ti es belida, miña amada, non hai en ti lixo ningún.


Ven xa!

8 Ven do Líbano, noiva! Ven do Líbano, baixa! Deixa o cumio do Amanah, o cimo do Senir e mais o Hermón, as covas dos leóns, o monte das panteras!


Meigallo

9 Botáchesme o meigallo, cariño, miña noiva! Botáchesme o meigallo, cunha das túas olladas, cunha das xoias que levas na gorxa!


Mel e favo

10 Que belos os teus amores, cariño, miña noiva! Canto mellores có viño son os teus amores, e a túa fragrancia ca todos os aromas!

11 Un favo a destilar son os teus labios, noiva! Mel e mais leite hai baixo a túa lingua! O recendo da túa túnica é recendo do Líbano!


Epigrama admirativo

12 Es ti un horto pechado, cariño, miña noiva. Es ti un horto pechado, unha fonte selada.


Recendo do paraíso

13 A túa ramaxe é un paraíso de granados, cheo de froitos exquisitos.

14 Azafrán, canela e cinamomo, toda madeira de gorentoso fume. O nardo, a mirra, o áloe, coas mellores matas de bálsamo.

15 Fonte do meu xardín, manancial de augas vivas que flúen desde o Líbano!

16 —Ergue, vento de nordesía! Ven ti, vento galopante! Venteade o meu xardín: que espalle os seus aromas! Que veña o meu amigo ó seu xardín, que coma daquel froito que cobiza!

Lean sinn:



Sanasan