Cantares 2 - Biblia SEPTLirio e maceira 1 —Eu son o narciso do Xarón, unha azucena das valgadas. 2 —Coma lirio de entre os toxos tal é a miña amada entre as rapazas. 3 —Coma a maceira entre as árbores da fraga tal é o meu amigo entre os mozos. A súa sombra devezo por me sentar pois é doce o seu froito ó meu padal. Doenza de amor 4 Meteume el na cámara do viño e a súa bandeira para min chámase amor. 5 Sostédeme con tortiñas de uvas pasas, confortádeme con mazás, que doente vou de amor! 6 Puxo a súa esquerda baixo a miña cabeza, coa súa dereita unha aperta me está a dar. 7 Conxúrovos, meniñas de Xerusalén, polas gacelas ou as cervas montesías, non espertedes nin desveledes o amor, ata que el queira! O amado ás portas 8 Escoitade! É o meu amigo! Aí o vén! Choutando polos montes, brincando por outeiros! 9 Semella o meu amigo unha gacela ou un cerviño novo. Velaí que parou tralo noso muro, albisca polas fiestras, axexa polas reixas! Aí vén o maio 10 Faloume o meu amigo; así dicía: —"Érguete, amada miña, fermosa miña, ven xa! 11 Xa fuxiu o inverno, foron pasando as chuvias, 12 floriñas asomaron na campía, vén o tempo das ruadas, os arrolos da rula resoan nos nosos campos; 13 o figueiral ten gromos, as vides botan flores recendentes. Érguete e ven, amada, fermosa miña, ven xa! Pomba escondida 14 Miña pomba, nas fendas dos penedos, nos recantos das rochas, faime ver a túa figura, faime oír o teu falar, que é doce esa voz túa, e o teu xeito, lanzal!" Raposiñas 15 Aferrádenos as raposas, as raposas pequeniñas que nos estragan as viñas, nosas viñas a agromar! 16 Para min é o meu amigo e eu son para el que pasta nos lirios. 17 Ata que sopre o día e fuxan as sombras volve, meu amigo, seméllate á gacela ou ó cervo noviño nos montes de Beter. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)