Cantares 1 - Biblia SEPT1 O mellor dos Cantares, de Salomón. Limiar: bicos e agarimos 2 —Que me bique cun bico da súa boca! Abofé, mellores son có viño os teus amores, 3 mellores có recendo dos teus perfumes; coma esencia que esvara é o teu nome, ben é que te amen tanto as raparigas. 4 Arrástrame contigo: Corramos! Introdúzame o Rei na súa alcoba. Folguémonos en ti, ledas abondo, Loemos os teus amores máis có viño. Que ben fan en te amaren! Moreniña e fermosa 5 Morena eu son pero xeitosa —meniñas de Xerusalén— coma as tendas de Quedar, coma as cortinas de Xalmah. 6 Non reparedes en que son moreniña: foi que o sol me queimou. Fillos de miña nai anoxáronse comigo, puxéronme de garda nas súas viñas, e a miña, a miña viña, non a gardei. Bucólica 7 Dime ti, meu ben amado, onde apacentas? Onde fas repousar o gando ó mediodía? Para que hei andar sen rumbo onda os rabaños dos teus amigos? 8 —Non o sabes ti, belida entre as mulleres? Vai tralas pegadas das ovellas! Pasta os teus cabuxos onda as cabanas dos pastores! Égoa de reis 9 A unha egua de carros faraónicos compárote eu, miña amada. 10 Que ben feitas as meixelas entre os pendentes, e a gorxa entre os colares! 11 Farémosche colgantes de ouro puro, coas doas prateadas! Aromas 12 —Mentres o Rei se deita no diván, ponse o meu nardo a recender. 13 Folequiño de mirra é para min o meu amigo, repousa entre os meus peitos; 14 coma acio de fiafeira é para min o meu amigo, das viñas de En-Guedí. Declaración na aurora 15 —Si que es belida, miña amada, si que es belida! Os teus ollos son pombiñas! 16 —Si que es ti belido, meu amigo, e ben garrido! Frondoso é o noso leito, 17 de cedro ten as trabes a nosa casa, de ciprés son os teitos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)