Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Axeo 2 - Biblia SEPT

1 no sétimo mes, o vinte e un do mes, veu a palabra do Señor por medio do profeta Axeo nestes termos:

2 Dille a Zerubabel, fillo de Xealtiel, gobernador de Xudá, e ó sumo sacerdote Iehoxúa, fillo de Iehosadac, e ó resto do pobo:

3 "Quen queda entre vós, dos que viron este templo co seu esplendor primeiro? Que estades vendo agora daquel esplendor? Non é algo así coma se non existise ós vosos ollos?

4 Pero agora ánimo!, Zerubabel —é o Señor quen fala—. Animo!, pobo todo do país —é o Señor quen fala—. O traballo! Eu estou convosco —é o Señor dos Exércitos quen fala—.

5 Chegou a promesa que pactei convosco cando saïades de Exipto, o meu espírito mantense firme no medio de vós: non teñades medo.

6 Pois así fala o Señor dos Exércitos: aínda un pouco máis, entón eu conmoverei o ceo e a terra, o mar e o chan firme,

7 conmoverei a todos os pobos e virán aquí todas as súas riquezas, encherei este templo de esplendor —fala o Señor dos Exércitos—.

8 Miña é a prata e meu é o ouro —é o Señor dos Exércitos quen fala—.

9 O esplendor deste segundo templo será maior có do primeiro —fala o Señor dos Exércitos—, e neste santuario eu concederei a fartura" —é o Señor dos Exércitos quen fala—.


Consulta acerca da impureza, que exclúe dos traballos ós samaritanos

10 O día vinte e catro do mes noveno, do segundo ano de Darío, veulle a palabra do Señor ó profeta Axeo nestes termos:

11 Así fala o Señor dos Exércitos: "Pídelles ós sacerdotes un ditame sobre esta cuestión:

12 Se alguén leva carne consagrada na aba do seu manto e toca coa aba o pan, o guisado, o viño, o aceite ou calquera comida, consagra estas cousas?" Responderon os sacerdotes. "Non!"

13 Logo Axeo díxolles: "Se unha persoa, impura por tocar un cadáver, toca calquera destas cousas, vólveas impuras?" Respondéronlle os sacerdotes: "Vólveas impuras".

14 Entón replicoulles Axeo: "Así é este pobo, así é esta nación na miña presenza —oráculo do Señor—, así é toda obra das súas mans e o que presentan aquí: está impuro".


Os comezos da reconstrución do templo, sinal da bendición divina

15 Era o día vinte e catro do mes sexto. Pois agora, aplicade o voso sentido desde o día de hoxe e para atrás: antes de pordes pedra sobre pedra no santuario do Señor,

16 que erades? Cando iades á arca do gran por vinte medidas, soamente había dez. Cando iades á pipa para quitar cincuenta olas, soamente había vinte.

17 Tíñavos castigado coa praga do cornizó e coas meras; co pedrazo tiña castigado todas as obras das vosas mans, e non estaba convosco o meu poder —é o Señor quen fala—.

18 Aplicade o voso sentido desde o día aquel para atrás, desde o día vinte e catro do noveno mes, si, desde o día en que se puxeron os cimentos do santuario do Señor, aplicade o voso sentido.

19 Poderá quedar aínda a semente na arca? A viña, a figueira, o granado e a oliveira non deron froito? Desde o día aquel quérovos bendicir.


Promesa de restauración mesiánica dirixida a Zerubabel

20 A palabra do Señor veulle por segunda vez a Axeo, o día vinte e catro do mes, nestes termos:

21 Fálalle así a Zerubabel, gobernador de Xudá: "Eu vou conmover o ceo e mais a terra,

22 vou botar abaixo os tronos dos reinos e acabar co poder dos reinos nos pobos, vou derrubar os carros que os conducen, e baixarán os cabalos e os seus cabaleiros, (cada un caerá coa espada do seu irmán).

23 No día aquel —é o Señor—, Deus dos Exércitos quen fala— collereite a ti, fillo de Xealtiel, o meu servo —oráculo do Señor—, e farei de ti coma un anel de selo, porque é a ti a quen escollín" —é o Señor dos Exércitos quen fala—.

Lean sinn:



Sanasan