Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 9 - Biblia SEPT


A quinta trompeta ou o primeiro Ai!: os saltóns

1 Logo tocou o quinto anxo e vin que unha estrela caía do ceo na terra. Déuselle a ela a chave do pozo do abismo;

2 ela abriuno e subiu do pozo coma unha fumeira dun gran forno: escureceuse o sol e mais o aire por cousa da fumeira do pozo.

3 Logo saíron da fumeira saltóns pola terra. Déuselles poder, coma o que teñen os alacráns da terra;

4 e díxoselles que non danasen nin a herba dos campos nin verde ningún nin árbore ningunha senón unicamente os homes que non tivesen o selo de Deus na testa.

5 Encargóuselles que non os matasen senón que os atormentasen por cinco meses: o tormento deles era coma o tormento do alacrán, cando pica no home.

6 Naqueles días os homes procurarán a morte e non a atoparán, desexarán morrer, pero a morte fuxirá deles.

7 Os saltóns semellaban cabalos aparellados para a guerra: tiñan nas cabezas coma unhas coroas que parecían de ouro e as caras coma as caras dos homes;

8 tiñan os cabelos coma cabelos de mulleres e os dentes eran coma os dos leóns;

9 tiñan unhas coirazas como coirazas de ferro e o zoar das súas ás era coma estrondo de carros e de moitos cabalos correndo para a guerra;

10 tiñan rabos e aguillóns semellantes ós dos alacráns e nos seus rabos tiñan o poder de danar os homes por cinco meses.

11 Teñen un rei que os dirixe: o anxo do abismo, que en hebreo se chama Abaddón e en grego Apolión, o Estragador.

12 O primeiro Ai! pasou, pero despois deste aínda virán dous Ais! máis.


A sexta trompeta ou o segundo Ai!: a cabalería mortífera do demo

13 Logo tocou o sexto anxo e oín unha voz, que viña dos cornos do altar de ouro, que está diante de Deus.

14 Dicíalle ó sexto anxo, que tiña a trompeta: "solta os catro anxos, que están presos onda o gran río, o Éufrates".

15 E quedaron soltos os catro anxos, que estaban aparellados para mataren a terceira parte dos homes naquela hora, día, mes e ano.

16 O número da tropa de cabalería era de douscentos millóns; eu mesmo oín o número.

17 E nesta visión os cabalos e os seus cabaleiros aparecían deste xeito: tiñan coirazas da cor do rescaldo, violáceo e marelo de xofre; as cabezas dos cabalos eran coma as cabezas dos leóns e da boca saíalles lume, fumeira e xofre.

18 Unha terceira parte dos homes quedaron mortos con estas tres pragas: co lume, coa fumeira e co xofre que saía da boca dos cabalos.

19 Porque estes cabalos tiñan o poder na boca e no rabo, pois os rabos, semellantes a cobras, remataban en cabezas e con elas facían mal.

20 Quedou un refugallo de homes, que nin con estas pragas morreron nin se arrepentiron do culto dos deuses falsos. Non deixaron de adorar os demos e as imaxes de ouro, de prata, de bronce, de pedra e de madeira, que nin poden ollar nin oír nin camiñar.

21 Non se arrepentiron dos seus homicidios nin das bruxerías nin da prostitución nin dos roubos.

Lean sinn:



Sanasan