Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 8 - Biblia SEPT


TERCEIRA SECCIÓN: O SÉTIMO SELO E A SERIE DAS TROMPETAS

1 E cando abriu o sétimo selo, houbo, como media hora, un silencio no ceo.

2 E vin os sete anxos, que están sempre en pé diante do trono de Deus. Déronselles sete trompetas.


Oracións dos fieis pola chegada do Reino e resposta de Deus

3 Chegou outro anxo cun incensario de ouro. Púxose ó pé do altar e déuselle moito incenso, para que o ofrecese no altar de ouro, que está diante do trono, coas oracións de todo o pobo santo.

4 E das mans do anxo que está diante do trono de Deus subiu o fume do incenso coas oracións do pobo santo.

5 Colleu o anxo o incensario, encheuno co rescaldo do altar e botouno na terra: houbo lóstregos, berros, tronos e un terremoto.

6 Entón os sete anxos, que tiñan as sete trompetas, preparáronse para tocar.


As catro primeiras trompetas: resposta de Deus

7 Tocou o primeiro e caeu na terra unha sarabiada de lume mesturado con sangue: ardeu a terceira parte da terra e a terceira parte das árbores e toda a herba verde.

8 Logo tocou o segundo anxo e botouse ó mar algo coma un monte grande ardendo: fíxose sangue a terceira parte do mar

9 e morreu a terceira parte das criaturas vivas do mar e esnaquizáronse a terceira parte dos barcos.

10 Tocou logo o terceiro anxo e caeu do ceo unha estrela grande, ardendo en labarada, e caeu sobre a terceira parte dos ríos e das fontes.

11 A estrela chamábase Asente. E a terceira parte das augas volveuse en auga de asente e moitos dos homes morreron por culpa destas augas que se volveron amargas.

12 Logo tocou o cuarto anxo e tremelicou a terceira parte do sol, a terceira parte da lúa e a terceira parte das estrelas: escureceuse a terceira parte de cada un deles e un terzo do día non alumeou e o mesmo a noite.


Aviso de ameaza

13 E mirei e oín o que berraba con voz potente unha aguia, que estaba voando polo medio do ceo: "Ai, ai, ai dos veciños da terra, por cousa dos outros toques de trompeta, que tres anxos van tocar!"

Lean sinn:



Sanasan