Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 7 - Biblia SEPT


Marcan os fieis cun sinal

1 Despois disto vin catro anxos que apreixaban, nas catro esquinas da terra, os catro ventos, para que non bourasen contra a terra, nin contra o mar nin contra as árbores.

2 E vin outro anxo máis, que tiña o selo do Deus vivente, subir desde o nacente. Dicíalles a berros ós catro anxos, a quen se lles deu poder de danar a terra e o mar:

3 "Non lles fagades mal á terra nin ó mar nin ás árbores, ata que marquemos co selo na testa os servos do noso Deus!".

4 E oín o número dos que tiñan a marca, cento corenta e catro mil, marcados de entre todas as tribos dos fillos de Israel.

5 Da tribo de Xudá, doce mil marcados, da tribo de Rubén, doce mil marcados, da tribo de Gad, doce mil marcados,

6 da tribo de Axer, doce mil marcados, da tribo de Naftalí, doce mil marcados, da tribo de Menaxés, doce mil marcados,

7 da tribo de Simeón, doce mil marcados, da tribo de Leví, doce mil marcados, da tribo de Isacar, doce mil marcados,

8 da tribo de Zebulón, doce mil marcados, da tribo de Xosé, doce mil marcados, da tribo de Benxamín, doce mil marcados.


Cantos de vitoria a Deus e sorte dos seus fieis

9 Despois disto mirei e vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, tribos, pobos e linguas, en pé diante do trono e do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans.

10 Proclamaban con grande voz: "A salvación perténcelle ó noso Deus, que senta no trono, e mais ó Año".

11 Todos os anxos que estaban en pé arredor do trono, dos anciáns, e dos catro animais, prostráronse diante do trono para adoraren a Deus.

12 Proclamaban: "Amén! A bendición, a gloria, a sabedoría, a acción de grazas, a honra, o poder e mais a forza perténcenlle ó noso Deus, polos séculos dos séculos. Amén".

13 Un dos anciáns preguntoume: "Quen son e de onde viñeron estes que van vestidos de roupa branca?"

14 Eu respondinlle: "Meu Señor, ti xa o sabes". E díxome: "Estes son os que veñen de pasar as súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branqueáronos co sangue do Año.

15 Por iso están diante do trono de Deus, e adórano día e noite no seu santuario. E quen está sentado no trono chantará a súa tenda cabo deles.

16 Non terán máis fame nin sede, nin caerá endexamais sobre eles o sol, nin ningunha queimadura del.

17 Porque o Año, que está no medio do trono, será o seu pastor, levaraos ás fontes de auga e Deus enxugará dos seus ollos toda bágoa".

Lean sinn:



Sanasan