Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 6 - Biblia SEPT


SEGUNDA SECCIÓN: ÁBRESE O LIBRO SELADO CON SETE SELOS Os catro primeiros selos: os catro cabaleiros

1 E mirei, cando o Año abriu o primeiro dos sete selos e oín que un dos catro animais berraba con voz de trebón: "Ven".

2 E mirei e vin un cabalo branco. O seu cabaleiro tiña un arco. Déuselle unha coroa e saíu coma vencedor e para seguir vencendo.

3 E cando abriu o segundo selo, oín que o segundo animal dicía: "Ven".

4 E saíu outro cabalo vermello. O seu cabaleiro déuselle poder de quitar a paz da terra e facer que se degolen uns ós outros e déuselle tamén unha espada grande.

5 E cando abriu o terceiro selo, oín que o terceiro animal dicía: "Ven". E mirei e vin un cabalo negro. O seu cabaleiro tiña unha balanza na man.

6 E oín algo, coma se fose un berro, no medio dos catro animais, que dicía: "Un cuarto de ferrado de trigo por un denario; e tres cuartos de ferrado de cebada por un denario! Pero ó aceite e ó viño non lles fagas mal".

7 E cando abriu o cuarto selo, oín a voz do cuarto animal, que dicía "Ven".

8 E mirei e vin un cabalo cardoso. O seu cabaleiro chámase Morte e seguíao o Hades. Déuselle o poder sobre a cuarta parte da terra, para matar coa espada, coa fame, co andazo e coas feras da terra.


O quinto selo: os mártires chaman a Deus

9 E cando abriu o quinto selo, vin baixo o altar as ánimas dos degolados por mor da palabra de Deus, e por gardaren ben o seu testemuño.

10 E a grandes berros preguntaron: "Ata que día, noso Dono santo e verdadeiro tardarás en facer xustiza e en vingar o noso sangue contra os veciños da terra?"

11 Déuselles cadanseu vestido branco e díxoselles que parasen unha miga, ata que se completase o número dos seus compañeiros e irmáns, que os ían matar axiña como os mataran a eles.


O sexto selo: intervención terrible de Deus

12 E vin, cando abriu o sexto selo, que houbo un gran terremoto. O sol virou mouro coma un pano de picote e a lúa volveuse en sangue.

13 As estrelas do ceo caeron na terra, como a figueira solta os seus figos, cando zorrega nela un gran vento.

14 O ceo retirouse coma un rolo de pergamiño cando se recolle, e todos os montes e illas se moveron do seu posto.

15 Os reis da terra, e os seus grandes, os xenerais, os ricos, os fortes e todos, servos e libres, agacháronse nas covas e entre os penedos dos montes.

16 E dicíanlles ós montes e ós penedos: "Caede enriba de nós e ocultádenos da presenza do que está sentado no trono e da ira do Año!

17 Porque chegou o día grande da súa ira e quen o poderá aturar?"

Lean sinn:



Sanasan