Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 5 - Biblia SEPT

1 E vin na dereita do que estaba sentado no trono un libro escrito por fóra e por dentro, pechado con sete selos.

2 E vin un anxo forte, que clamaba con gran voz: "Quen pode abrir o libro e desenlear os seus selos?"

3 E ninguén no ceo nin na terra nin debaixo da terra, daba aberto o libro nin lido nel.

4 E eu choraba moito, porque non se atopaba ninguén digno de abrir o libro nin de ler nel.

5 Pero díxome entón un dos anciáns: "Non chores, velaquí o león da raza de Xudá e rebento da raíz de David: venceu, e deste xeito pode abrir o libro e os seus sete selos".

6 E vin no medio do trono e dos catro animais e diante dos anciáns, un Año en pé, coma se estivese degolado, con sete cornos e sete ollos, que son os sete espíritos de Deus, mandados a toda a terra.

7 O Año achegouse ó trono e recibiu o libro da man dereita de quen está sentado no trono.

8 Cando o colleu, os catro animais e os vinte e catro anciáns axeonlláronse diante do Año, con cadansúa cítara e con frascos de ouro cheos de perfumes, que son as oracións do pobo santo.

9 E cantaban un canto novo: "Ti es merecente de recibir o libro, e de abrir os selos, porque te degolaron e adquiriches para Deus co teu sangue xentes de toda raza, lingua, pobo e nación.

10 E fixeches deles un reino de sacerdotes para o noso Deus e reinarán na terra".

11 E vin e oín a voz de moitos anxos arredor do trono e dos animais e dos anciáns: o número deles era de milleiros e milleiros.

12 Proclamaban con forte voz: "Merecente é o Año, por estar degolado, de recibir o poder, a riqueza, a sabedoría, a forza, a honra, a gloria e a bendición".

13 E oín que todas as criaturas que están no ceo e na terra e debaixo da terra e enriba do mar e todas as cousas que hai nelas, proclamaban: "Para quen está sentado no trono e para o Año: a bendición, a honra, a gloria e o poder polos séculos dos séculos".

14 E os catro animais dicían: "Amén" e os anciáns caeron en adoración.

Lean sinn:



Sanasan