Apocalipse 4 - Biblia SEPTPARTE APOCALÍPTICA PRIMEIRA SECCIÓN: VISIÓN INAUGURAL DE DEUS E DO AÑO 1 Despois disto mirei e vin unha porta aberta no ceo; e a primeira voz, que oíra coma unha trompeta, falando comigo, dicíame: "Sube aquí que che vou amosar o que ten que acontecer despois disto". 2 Axiña caín en arroubo. E velaquí un trono posto no ceo e un sentado no trono. 3 A fasquía do que estaba sentado era coma a pedra de xaspe e de sardónica e cunha aureola arredor do trono, semellante ó aspecto da esmeralda. 4 Arredor do trono vin vinte e catro tronos e, sentados nos tronos, vinte e catro anciáns, vestidos de roupas brancas e coroas de ouro nas súas cabezas. 5 Do trono saían lóstregos, berros e trebóns. Sete fachos de lume ardían diante do trono, que son os sete espíritos de Deus. 6 Había diante do trono coma un mar transparente, semellante ó cristal. E diante do trono e arredor do trono, catro animais, cheos de ollos por diante e por detrás. 7 O primeiro animal, igual ca un león; o segundo, semellante a un xato; o terceiro, tiña a cara coma de home; e o cuarto, semellante a unha aguia voando. 8 E cada un destes catro animais tiña seis ás, cheas de ollos en todo o arredor e por fóra. Non tiñan acougo nin de día nin de noite, proclamando: "Santo, Santo, Santo, Señor Deus, que todo o sostén, o que era, o que é e o que está a vir". 9 E cada vez que lle daban gloria, honra e grazas a quen está sentado no trono, que vive polos séculos dos séculos, 10 os vinte e catro anciáns axeonllábanse ante o que está sentado no trono e adoraban o que vive polos séculos dos séculos e botaban diante do trono as súas coroas, dicindo ó mesmo tempo: 11 "Merecente es, noso Señor e Deus, de recibir gloria, honra e poder, porque ti es quen o creaches todo: pola túa vontade existe e foi creado". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)