Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 3 - Biblia SEPT


A carta a Sardes

1 Ó anxo da Igrexa de Sardes escríbelle: Isto di quen ten os sete espíritos de Deus e as sete estrelas: coñezo as túas obras: tes sona de estar vivo, pero estás morto.

2 Ponte alerta, fortalece o que aínda che queda sen morrer, porque non atopei perfectas as túas obras diante do meu Deus.

3 Acórdate, logo, do que recibiches e escoitaches: gárdao e arrepíntete, que, como non vixíes e esteas á espreita, vou vir coma ladrón e non vas saber a que hora vou caer sobre ti.

4 Pero tes unhas poucas persoas en Sardes, que non lixaron os seus vestidos. Estas han pasear comigo vestidas de branco, porque son dignas.

5 O vencedor vaise vestir así con vestidos brancos e endexamais non borrarei o seu nome do libro da vida e responderei por el diante do meu Pai e diante dos seus anxos.

6 Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.


A carta a Filadelfia

7 Ó anxo da Igrexa de Filadelfia escríbelle: Isto di o Santo, o Verdadeiro, quen ten a chave de David, quen, se el abre, ninguén pecha, e, se el pecha, ninguén abre:

8 coñezo as túas obras olla que te puxen diante dunha porta ben aberta, que ninguén pode pechar; coñezo que tes pouca forza, e mesmo así, cumpriches a miña palabra e non me negaches.

9 Vas ver que che vou entregar algúns da sinagoga de Satán, dos que din que son xudeus pero que non o son, porque menten. Vas ver que os vou facer poñerse ós teus pés e recoñecerán que eu te amo.

10 Como ti gardaches as miñas palabras con perseveranza, tamén eu te gardarei a ti no intre da proba, que está a vir sobre todo o mundo, para pór a proba a toda a xente.

11 Virei axiña. Agarra ben o que tes, para que ninguén che colla a túa coroa.

12 O vencedor fareino columna do templo do meu Deus e prometo que xa non sairá fóra del; e escribirei nel o nome do meu Deus e o nome da cidade do meu Deus, da nova Xerusalén, a que baixa do ceo, de onda o meu Deus, e escribirei nel o meu nome novo.

13 Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.


A carta a Laodicea

14 Ó anxo da Igrexa de Laodicea escríbelle: Isto di o Amén, a testemuña fiel e lexítima, o comezo da creación de Deus:

15 coñezo as túas obras: ti non es frío nin quente. Quen me dera que foses frío ou quente!

16 Pero, por seres morno, nin frío nin quente, voute vomitar da miña boca.

17 Porque dis: Son rico, xa teño fartura e non preciso de nada; pero ti non sabes que es unha besta, dás mágoa, es un mendigo cego e espido.

18 Aconsélloche que merques ouro do meu, que se acaba de aquilatar no lume, para te poñeres rico; e que merques roupa branca, para vestires ben e para que non se vexa a vergonza da túa nudez; e que merques colirio para untar os teus ollos e así poderes ver.

19 Que eu a quen lles quero ben, rífolles e corríxoos. Ponte de xenio e convértete!

20 Mira que hai tempo que estou a petar na túa porta. Se alguén escoita a miña voz e abre a porta, eu entraría cabo del e cearía con el e el comigo.

21 O vencedor outorgareille sentar onda min no meu trono, do mesmo xeito que tamén eu vencín e sentei cabo do meu Pai no seu trono.

22 Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.

Lean sinn:



Sanasan