Apocalipse 22 - Biblia SEPT1 Daquela mostroume un río de auga vivificadora, clara coma un cristal, que saía do trono de Deus e do Año. 2 Contra do medio da rúa principal da cidade, a unha e outra beira do río, había unha árbore da vida, que dá doce colleitas por ano, unha cada mes e as follas destas árbores son boas para curar as nacións. 3 Alí endexamais non haberá nada maldito. Nela estará o trono de Deus e mais do Año; e será alí onde os seus servidores o servirán. 4 Verano cara a cara e levarán o seu nome escrito na fronte. 5 Alí endexamais non haberá noite nin precisarán da luz da lámpada nin da luz do sol, porque o Señor Deus será a luz que os alumee e eles serán reis polos séculos dos séculos. EPÍLOGO O anxo, Xoán e Xesús dan fe do libro 6 Logo díxome: "Estas palabras merecen fe e son verdadeiras, pois o Señor, o Deus que inspira os profetas, mandou o seu anxo, para que lles amosase ós que o serven as cousas que han acontecer axiña. 7 Mira que veño de seguida. Benia o que fai caso ás profecías que están neste libro". 8 Eu Xoán, son o que oín e vin todo isto. Cando o acabei de oír e ver, prostreime en adoración ós pés do anxo que mo amosaba. 9 Pero el díxome: "Non, iso non! Eu son compañeiro de servizo teu e dos teus irmáns os profetas e dos que fan caso das palabras deste libro: adorar, adora a Deus". 10 E díxome: "Non gardes en secreto a mensaxe profética deste libro, que o intre do seu cumprimento está a chegar. 11 Quen fai mal, que o siga facendo; o que é impuro, que siga na impureza; o que é honrado, que siga actuando honradamente; o de conciencia limpa, que a siga mantendo limpa. 12 Mira que vou chegar axiña e traio comigo a miña paga, para lle pagar a cada un conforme o seu traballo. 13 Eu son o Alfa e o Omega, o Primeiro e o Ultimo, o Principio e a Fin. 14 Benia os que teñen lavada a súa roupa, para teren dereito á árbore da vida e a entraren polas portas da cidade. 15 Fóra quedarán os cans, os bruxos, os luxuriosos, os asasinos, os idólatras, e todo o que é amigo das mentiras e fai trampas. 16 Eu, Xesús, mandeivos o meu anxo, para que vos dese testemuño de todo isto que se refire ás igrexas. Eu son o renovo e a descendencia de David, o luceiro brillante da mañá". 17 O Espírito e a esposa din: "Ven". Quen escoita, que diga: "Ven". Quen teña sede, que veña; o que queira, que colla de balde auga da vida. 18 A todo o que escoite as profecías deste libro declárolle que, se alguén engade algo ó aquí escrito, Deus mandaralle as pragas escritas neste libro. 19 E se alguén quita algo do contido neste libro profético, Deus quitaralle a súa participación da árbore da vida e da cidade santa, descritas neste libro. 20 Quen testemuña estas cousas, di: "Si, veño axiña". Amén! Ven, Señor Xesús! 21 A graza do Señor Xesús vos acompañe a todos! |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)