Apocalipse 21 - Biblia SEPTVisión do novo mundo e da nova cidade 1 Logo vin un ceo novo e unha terra nova, pois o primeiro ceo e a primeira terra xa pasaran; e o mar xa non existía. 2 Tamén vin que a cidade santa, unha Xerusalén nova, baixaba do ceo de onda Deus, preparada coma a esposa que está engalanada para o seu esposo. 3 E sentín unha forte voz que desde o trono dicía: "Velaquí a tenda de Deus onda os homes. Acampará entre eles: eles serán o seu pobo e El será o seu Deus e compañeiro. 4 Enxugará todas as bágoas dos seus ollos, e a morte xa non existirá máis. Nin haberá máis loito nin pranto nin dor, porque as primeiras cousas pasaron xa". 5 O que estaba sentado no trono dixo: "Vede que volvo novas todas as cousas". E mandóuseme: "Escribe, porque estas palabras merecen fe e din a verdade". 6 E seguiu dicindo: "Xa están renovadas: eu son o Alfa e o Omega, o Principio e a Fin. A quen teña sede, heille dar de beber gratis auga das fontes da vida. 7 O vencedor será herdeiro de todo isto. Eu serei para el o seu Deus e el será para min o meu fillo. 8 Os covardes na loita, os que negan a fidelidade que prometeron, os corrompidos con abominacións, os asasinos, os luxuriosos, os bruxos, os idólatras e os que fían en mentiras, terán por lote a lagoa de xofre ardendo: que é a morte segunda". 9 Logo veu un dos sete anxos que tiñan as sete cuncas cheas das sete derradeiras pragas e falou comigo, dicindo: "Ven acó, que che vou amosar a noiva, a esposa do Año". 10 Levoume en espírito á cima dun monte moi grande e alto e amosoume a cidade santa, Xerusalén, que baixaba do ceo de onda Deus; 11 tiña a gloria do mesmo Deus. O seu resplandor imitaba o dunha pedra moi preciosa, unha pedra cristalina de xaspe. 12 Tiña unha muralla grande e alta con doce portas de entrada; e enriba das portas doce anxos; e escritos nelas os seus nomes, que son os das doce tribos de Israel: 13 tres portas polo Nacente, tres portas polo Norte, tres portas polo Mediodía e tres portas polo Poñente. 14 A muralla da cidade tiña doce alicerces e sobre os alicerces, doce nomes, que son os dos doce Apóstolos do Año. 15 O que falaba comigo tiña consigo unha canivela de ouro, para medir a cidade coas súas portas e murallas. 16 A cidade era cadrada, tan longa coma ancha. Tomoulle a medida coa súa canivela: tiña doce mil estadios; longo, ancho e alto eran iguais. 17 Tomoulle a medida ó muro: tiña cento corenta e catro cóbados, medida normal de home, que usou o anxo. 18 O material do muro era xaspe e o material da cidade era ouro puro, semellante ó cristal purísimo. 19 Os alicerces da muralla da cidade estaban con toda clase de pedras preciosas: os primeiros alicerces eran de xaspe, os segundos de zafiro, os terceiros de calcedonia, os cuartos de esmeralda, 20 o quinto de sardónix, o sexto de cornalina, o sétimo de crisólito, o oitavo de berilo, o noveno de topacio, o décimo de ágata, o undécimo de xacinto e o duodécimo de ametista. 21 As doce portas eran doce perlas, cada unha das portas era dunha soa perla. A praza da cidade era de ouro, puro coma cristal relucente. 22 Nela non vin santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o sostén, e mais o Año. 23 A cidade non precisa sol nin lúa que a ilumine, que a ilumina a gloria de Deus; e o Año é a súa lámpada. A vida na nova Xerusalén 24 Os xentís pasearán á súa luz e os reis da terra aportarán a ela a súa gloria. 25 As portas endexamais non se pecharán de día, que noite alí non a hai. 26 Alí levarán o esplendor e mais as riquezas das nacións; 27 pero endexamais non entrará nela nada lixado nin ningún idólatra, ou mentireiro: só os que están inscritos no libro da vida, que ten o Año. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)