Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 2 - Biblia SEPT


As sete cartas. A carta a Éfeso

1 Ó anxo da Igrexa de Éfeso escríbelle: Isto di quen apreixa coa súa dereita as sete estrelas, quen pasea entre os sete candelabros de ouro.

2 Coñezo as túas obras e fatigas e mais a túa enteireza e vexo que non podes aturar os malos. Puxeches á proba ós que se teñen por apóstolos sen seren apóstolos e ti atopáchelos falsos.

3 Eu sei ben que tes esperanza e paciencia e por iso aguantaches por cousa miña e non estás canso.

4 Pero teño contra ti que perdiches o teu amor primeiro.

5 Acórdate de onde caíches: arrepíntete e ponte a facer as obras de antes. Porque che vou vir cambiar o teu candelabro de sitio, caso de non te arrepentires.

6 Anque unha cousa tes ó teu favor: que aborreces a conduta dos nicolaítas, que eu tamén aborrezo.

7 Quen teña oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas. O vencedor heille dar a comer da árbore da vida, que está no xardín de Deus.


A carta a Esmirna

8 Ó anxo da Igrexa de Esmirna escríbelle: Isto di o Primeiro e o Ultimo, o que estivo morto pero volveu á vida.

9 Coñezo o teu sufrimento e a túa pobreza —aínda que es rico e a maledicencia contra ti dos que se teñen por xudeus sen seren xudeus pero que si son sinagoga de Satán.

10 Non teñas medo ningún do que vas sufrir. Ollade que Satán vos ha meter a algúns de vós no cárcere, para vos poñer á proba e teredes sufrimento dez días. Pero mantente fiel ata a morte e dareiche a coroa da vida.

11 Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas. O vencedor prométolle que non o vai danar a morte segunda.


A carta a Pérgamo

12 Ó anxo da Igrexa de Pérgamo escríbelle: Isto di quen ten a espada de dous fíos ben afiada:

13 sei que onde vives é onde Satán ten o seu trono e que te mantés firme comigo e non negaches a fe en min nin cando Antipas, o meu mártir que tamén fiaba en min, caeu asasinado aí onda vós, onde vive Satán.

14 Pero teño contra ti unhas poucas cousas: que tes aí algunha xente enleada coa doutrina de Balaam, que ensinaba a Balac a escandalizar os fillos de Israel, incitándoos a comer carne sacrificada ós ídolos e a darse á prostitución.

15 Así tamén ti tes algúns que profesan a doutrina dos nicolaítas.

16 Arrepíntete, que, como non o fagas, vou vir axiña e loitarei contra eles coa espada da miña boca.

17 Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas. O vencedor heille dar do maná escondido e tamén unha pedriña branca; e escrito na pedriña un nome novo que ninguén coñece, fóra daquel que a recibe.


A carta a Tiátira

18 Ó anxo da Igrexa de Tiátira escríbelle: Isto di o Fillo de Deus, que ten os seus ollos coma a chama do lume e os pés semellantes ó metal:

19 coñezo as túas obras, o teu amor, a túa fe, o teu servizo, a túa enteireza e as túas obras últimas que son máis grandes cás primeiras.

20 Pero teño contra ti que deixas que unha muller, Iezabel, se poña o título de profetisa, que ensine e que engaiole os meus servos para que se dean á prostitución e a comeren carne sacrificada ós ídolos.

21 Deille tempo para se arrepentir, pero ela non se quere arrepentir da súa prostitución.

22 Ides ver como a vou encamar, e ós que se dean á prostitución con ela voulles mandar un gran sufrimento, a menos que se arrepintan das obras dela;

23 e ós fillos dela vounos matar cun andazo. Así coñecerán todas as igrexas que eu son o que sonda os sentimentos e as intencións e o que vos dá a cadaquén segundo as vosas obras.

24 Pero a vós, ós de Tiátira que non sodes desta doutrina e que non coñecedes os profundos misterios de Satán como eles din, dígovos que non vos impoño outro peso.

25 Unicamente que vos agarredes ben ó que tedes, ata que eu volva.

26 O vencedor, a quen practique ata a fin as miñas obras, heille dar poder sobre os xentís,

27 e ha de os gobernar cun caxato de ferro, e escachizaraos coma unha ola de barro,

28 o mesmo que eu recibín poder do meu Pai; e heille dar o luceiro da alba.

29 Quen teña oídos escoite o que o Espírito lles di ás igrexas.

Lean sinn:



Sanasan