Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 18 - Biblia SEPT


Primeiro anuncio da caída de Babilonia

1 Despois disto vin outro anxo baixar do ceo. Tiña gran poder e a terra quedou iluminada coa súa gloria.

2 Berrou con voz poderosa: "Caeu, caeu Babilonia, a grande, volveuse morada de demos, cova de todo espírito impuro, niño de todo paxaro impuro e noxento.

3 Porque do viño rabioso da súa prostitución beberon todas as nacións, e os reis da terra andaron a fornicar con ela, e co exceso do seu luxo enriquecéronse os traficantes da terra".


Segundo anuncio da caída de Babilonia e laio por ela

4 Logo oín outra voz que viña do ceo e dicía: "Saíde dela, meu pobo, para non terdes parte nos seus pecados, e para que non vos toquen os seus castigos.

5 Os seus pecados fóronse amoreando ata o ceo, e Deus recordou as súas iniquidades.

6 Pagádelle coa mesma moeda que ela pagou; aínda mais, dobrádelle as que ela fixo: coa cunca onde ela remexeu a mestura, remexédelle o dobre para ela;

7 canta gloria e praceres ela tivo, dádelle outro tanto en tormentos e loito. Porque ela di para si: Estou sentada nun trono de raíña, e nin estou viúva, nin verei o loito.

8 Por isto nun único día hanlle vir as súas pragas: peste, desgraza e fame, e volverase cinsa no lume, porque poderoso é o Señor, o Deus que a condena".

9 Chorarán e botarán as mans á cabeza os reis da terra, os que practicaron a prostitución con ela e que se encheron de pecar con ela, cando vexan o fume da súa queima.

10 Desde lonxe e de pé por medo ó seu castigo, dirán: "Pobre, pobre da gran cidade de Babilonia!, Pobre Babilonia, cidade poderosa! Que logo chegou a túa condenación!".

11 Tamén choran e fan o pranto por ela os traficantes do mundo, porque xa ninguén lle compra a súa mercadoría:

12 A carga de ouro e de prata, de pedras preciosas e perlas, de liño puro, de púrpura, de seda e de escarlata; de todas as madeiras nobres; de todos os obxectos de marfil e de pedras preciosas, de bronce, de ferro e de mármore;

13 As cargas de canela e de perfumadas unturas, de pos perfumados, de mirra, de incenso, de viño, de aceite, de flor de fariña e de trigo, rabaños de vacas e ovellas, cabalos, carros, escravos e homes para a venda.

14 Os froitos maduros da túa cobiza fuxiron de ti. E todo o ben cebado e brillante perdeuse para ti, e xa non volverá endexamais.

15 Os traficantes destas cousas, que se enriqueceron a costa dela, estarán de pé desde lonxe, por medo ó seu castigo. Chorando e laiando

16 dirán: "Ai! Pobre gran cidade vestida de liño fino, de púrpura e escarlata, adornada de ouro, de pedras preciosas e de perlas!

17 Porque nun virar da man quedou erma tanta riqueza". E todos os patróns e pasaxeiros que navegan, os mariñeiros e cantos traballan no mar, quedaron de pé, desde lonxe;

18 e, mirando para o fume da queima, comezaron a berrar, dicindo: "Que cidade houbo semellante á gran cidade?"

19 Logo, botaron terra nas súas cabezas e, entre choros e laios, berraron: "Ai! Pobre gran cidade coa que se fixeron ricos todos os que teñen barcos no mar, á costa da súa fartura! Nun virar da man quedou erma.

20 Alégrate, ceo, por causa dela! E vós, os santos, os apóstolos e os profetas, alegrádevos! Porque Deus volveu contra ela a sentencia que un día ela lanzara contra vós".


Símbolo profético da caída de Babilonia

21 Entón un anxo forte ergueu unha pedra coma unha grande moa de muíño e botouna no mar dicindo: "Con forza coma esta han botar a Babilonia, a gran cidade, e non a atoparán máis.

22 A música dos citaristas e dos músicos, a melodía dos frautistas e dos trompetistas xa non se oirá máis en ti; e artesán ningún, de calquera oficio que for, non o haberá máis en ti; e o ruído da moa do muíño non se volverá sentir máis en ti;

23 e a luz do farol non volverá brillar máis en ti, e as palabras amorosas do esposo e da esposa non se oirán máis en ti: Porque, sendo os teus traficantes os máis grandes de todo o mundo, todas as xentes se perderon coas túas bruxerías;

24 e en ti atopouse sangue dos profetas e do pobo santo, e o de todos os que foron inmolados no mundo".

Lean sinn:



Sanasan