Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 17 - Biblia SEPT

1 Logo veu falar comigo un dos sete anxos que tiñan as sete cuncas e díxome: "Ven acó, que che hei mostrar o xuízo de condenación da gran prostituta que está sentada onda as augas abundantes;

2 foi a prostituta dos reis da terra e co viño da súa fornicación emborracháronse os habitantes da terra".


VITORIA DO AÑO SOBRE A GRAN BABILONIA Visión da gran Prostituta

3 Logo arrebatoume en arroubo ó deserto e vin unha muller montada nunha besta vermella, chea de nomes blasfemos, que tiña sete cabezas e dez cornos.

4 A muller estaba vestida de púrpura e escarlata, adornada de ouro, de pedras preciosas e de perlas; tiña na man unha copa de ouro chea de abominacións e tiña tamén as porcalladas da súa fornicación.

5 Sobre a fronte tiña escrito un nome misterioso: "A gran Babilonia, a nai das prostitutas e das abominacións da terra".

6 Logo vin que a muller estaba borracha do sangue do pobo santo e do sangue dos mártires de Xesús. E, ó mirar para ela, quedei abraiado.


Visión clarificadora do significado da gran Prostituta

7 E díxome o anxo: "Por que te admiraches? Vouche explicar eu o senso misterioso da muller e da besta que a leva, a das sete cabezas e os dez cornos.

8 A besta que viches existía pero xa non existe, e vai subir do abismo camiño da súa perdición; e os habitantes da terra, que non teñen os seus nomes escritos no libro da vida desde a creación do mundo, hanse admirar ollando que a besta existía, que xa non existe e que volverá aparecer.

9 Para isto cómpre entendemento de sabio: as sete cabezas son sete montes sobre os que está sentada a muller; e tamén son sete reis:

10 cinco deles xa caeron, un aínda reina, o outro aínda non veu e, cando veña, pouco vai durar.

11 A besta, que existía pero xa non existe, é o rei oitavo e ó mesmo tempo é un dos sete; e tamén vai camiño da súa perdición.

12 Os dez cornos que viches, son dez reis, que aínda non recibiron a dignidade de reis; pero han recibir xuntamente coa besta poder coma de reis, anque só por unha hora.

13 Todos eles teñen o único plan de lle daren a súa forza e mais o seu poder á besta.

14 Faranlle a guerra ó Año. Pero o Año venceraos: por algo é Señor de señores e Rei de reis; e tamén os vencerán os chamados, os escolleitos e os fieis que están con El".

15 Logo díxome: "As augas sobre as que viches sentada a prostituta, son pobos e multitudes, nacións e linguas diferentes.

16 Pero os dez cornos que viches e mais a besta aborrecerán a prostituta: deixarana abandonada e espida, comerán a súa carne e volverana cinsa co lume.

17 Pois Deus puxo nos seus corazóns que levasen a cabo o seu plan, un plan común a todos: de lle daren á besta a súa dignidade rexia, ata que teñan cumprimento os decretos de Deus.

18 A muller que viches é a gran cidade, a que reina sobre os reis da terra".

Lean sinn:



Sanasan