Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 16 - Biblia SEPT

1 Logo oín un berro que desde o santuario lles dicía ós sete anxos: "Ide e vertede sobre a terra as sete cuncas da ira de Deus!".


As seis primeiras cuncas

2 E saíu o primeiro e verteu a súa cunca na terra; e unhas chagas malignas e dolorosas aparecéronlles ós homes que tiñan a marca da besta e mais ós que se prostraban para adorar a súa imaxe.

3 Logo, o segundo, verteu a súa cunca no mar, que se volveu sangue, coma o sangue dun morto, e morreu canto ser vivo se atopaba no mar.

4 Despois, o terceiro, verteu a súa cunca nos ríos e nas fontes das augas; e volvéronse sangue.

5 Entón oínlle dicir ó anxo das augas: "Xusto es ti, que es e que eras, o Santo. Xustiza fas ó sentenciares deste xeito,

6 porque verteron sangue de santos e de profetas e por iso lles deches tamén a beber sangue. Tíñano ben merecido!".

7 Entón oín que desde o altar dicían: "Si, Señor Deus, que todo o sostés, verdadeiras e xustas son as túas sentencias".

8 Logo, o cuarto, a quen se lle deu o poder de abrasar coa calor ós homes, verteu a súa cunca no sol.

9 Os homes sufriron unha gran queimadura e comezaron a xurar contra o nome de Deus, que tiña na súa man o poder sobre estas pragas; pero non cambiaron os seus pensamentos para lle daren gloria a Deus.

10 Despois, o quinto, verteu a súa cunca no trono da besta e o seu reino quedou cuberto de tebras. Coa dor comezaron a morder as propias linguas

11 e a xurar contra o nome do Deus do ceo polas súas dores e chagas; pero non se arrepentiron das súas obras.

12 Logo, o sexto, verteu a súa cunca no gran río, o Éufrates, e comezou a estiñar a auga para axeitarlles así o camiño ós reis do Nacente.

13 Despois vin saír da boca do dragón, da boca da besta e mais da boca do falso profeta, tres espíritos inmundos semellantes a sapos;

14 son os espíritos dos demos que fan prodixios e van onda os reis de toda a terra, para xuntalos para a guerra do día grande do Deus que todo o sostén.

15 "Mira que veño coma un ladrón. Benia o que vixía e garda a roupa para non andar espido e que non lle vexan as súas vergonzas".

16 Efectivamente, os espíritos xuntáronos no lugar que en hebreo se chama Harmaguedón.


QUINTA SECCIÓN: A SÉTIMA CUNCA: INTERVENCIÓN LIBERADORA DE DEUS Introdución

17 Logo o sétimo verteu a súa cunca no aire e entón saíu un berro do santuario, de onda o trono, que dicía: "Xa está!".

18 Entón apareceron lóstregos, berros e trebóns e houbo un terremoto tan grande como endexamais non o houbo de que hai homes sobre a terra: tan forte foi aquel gran terremoto.

19 Deste xeito, a gran cidade partiu en tres anacos, as cidades dos xentís viñéronse abaixo e á gran Babilonia chamárona perante Deus para lle dar a cunca do viño da súa fervente ira.

20 E todas as illas fuxiron e xa non se atoparon os montes.

21 Logo caeu do ceo enriba dos homes un gran pedrazo, de pedras case de corenta quilos; e os homes xuraban contra Deus pola praga do pedrazo, porque esta praga foi terrible.

Lean sinn:



Sanasan