Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 14 - Biblia SEPT


O Año e os mártires no monte Sión

1 Logo tiven unha visión. O Año estaba de pé no monte de Sión e con el cento corenta e catro mil, que tiñan escrito nas súas frontes o nome do Año e mais o nome do seu Pai.

2 E oín unha voz desde o ceo coma o bruído dunha gran tormenta de auga e tronos; a voz que oín semellaba a duns arpistas, floreando nas súas arpas.

3 Cantaban un cántico novo diante do trono e mais diante dos catro animais e dos anciáns. E ninguén podía aprender o seu canto, fóra dos cento corenta e catro mil, os que foran rescatados da terra.

4 Estes son os que non se lixaron con mulleres, os que son virxes. Estes son os que acompañan o Año a onde el vaia. Estes foron mercados entre os homes, coma ofrenda de primicias para Deus e para o Año.

5 E na boca deles endexamais non se atopou mentira: son inmaculados.


Tres anxos anuncian a vitoria en tres visións

6 E vin outro anxo voando polo medio do ceo: levaba unha boa nova eterna para pregoárllela ós habitantes da terra, a todas as nacións, razas, linguas e pobos.

7 Dicía a berros: "Respectade a Deus, dádelle gloria! Porque xa chegou a hora do seu xuízo; e adorade o Creador do ceo e da terra, do mar e das fontes das augas".

8 E outro anxo, o segundo, viña despois dicindo: "Caeu, caeu a grande Babilonia!, que ten borrachas a todas as nacións co viño do furor das súas fornicacións".

9 E outro anxo, o terceiro, viña detrás deles, dicindo a berros: "Se alguén adora a besta ou a súa imaxe e recibe o sinal dela na súa fronte ou na súa man,

10 este tal beberá do viño da ira de Deus: viño puro, vertido na cunca da súa ira, e será atormentado con lume e xofre na presenza dos santos anxos e do Año.

11 O fume que os atormenta sobe polos séculos dos séculos e os adoradores da besta e mais da súa imaxe e os que reciben a marca do seu nome, non teñen acougo nin de día nin de noite.

12 Aquí está a esperanza dos santos, dos que observan os mandamentos de Deus e gardan a fe de Xesús".

13 E oín unha voz do ceo que me dicía: "Escribe: Benia os mortos que, de agora en diante, morran no Señor. Si di o Espírito, que descansen das súas fatigas, porque as súas obras van con eles".


Visión anticipada do xuízo de Deus

14 Logo tiven unha visión. Apareceu unha nube branca, e sobre a nube un cabaleiro semellante a un Fillo de home, cunha coroa de ouro na cabeza e na man unha fouce ben afiada.

15 Outro anxo saíu do santuario, berrándolle con fortes berros ó cabaleiro da nube: "Agarra a túa fouce e sega que xa chegou o tempo da seitura: a colleita da terra xa está seca".

16 O cabaleiro da nube botou a súa fouce no mundo e fíxose a seitura.

17 Logo outro anxo saíu do santuario celeste, tamén el cunha fouce ben afiada.

18 Despois de onda o altar saíu outro anxo, o que tiña poder sobre o lume, e chamou a berros ó que tiña a fouce ben afiada e díxolle: "Mete a túa fouce ben afiada e vendima os acios da viña da terra, porque os bagos están maduros de máis".

19 E meteu o anxo a súa fouce na viña do mundo e vendimouna e botou os acios na moxega grande da ira de Deus.

20 E pisouse a moxega fóra da cidade e saíu sangue da moxega ata os freos dos cabalos, sesenta leguas arredor.

Lean sinn:



Sanasan