Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 13 - Biblia SEPT

1 Logo vin subir do mar unha besta con dez cornos e sete cabezas e nos cornos tiña dez diademas e nas cabezas tiña un nome blasfemo.

2 A besta que vin semellaba unha pantera pero as patas eran coma as do oso e a boca coma a boca do león. O dragón deulle a súa forza, o seu trono é o seu gran poder.

3 Unha das súas cabezas estaba degolada de morte, pero a súa ferida mortal curou. Todo o mundo se admiraba do que lle sucedera á besta

4 e adorou o dragón, que tal poder lle dera á besta, dicindo: "Quen será coma a besta e quen poderá facer guerra en contra dela?".

5 E déuselle ó dragón unha boca para dicir arrogancias e blasfemias e concedéuselle o poder para facelo ó longo de corenta e dous meses.

6 Abriu a súa boca: para blasfemar contra Deus, para blasfemar contra o seu Nome, contra o seu celeste santuario e contra os que moran nel.

7 Permitíuselle facerlle a guerra ó pobo santo e vencelo; e déuselle poder sobre toda tribo, pobo, lingua e nación.

8 E todos os habitantes da terra, que desde o comezo do mundo non teñen o seu nome escrito no libro da vida do Año que foi degolado, adoraron a besta.

9 Quen teña oídos escoite:

10 Se algún está para a catividade, irá á catividade. Se algún está para morrer coa espada, matarano coa espada. Aquí están a esperanza e mais a fe do pobo santo.

11 Logo vin outra besta que subía da terra: tiña dous cornos semellantes ós do año e falaba coma o dragón.

12 Exerce, baixo a ollada da primeira besta, a súa completa vontade: fai que toda a terra e os seus habitantes adoren a primeira besta, que curara da súa ferida mortal.

13 Realiza grandes milagres, ata chegar a facer baixar lume do ceo á terra, á vista dos homes.

14 Descamiña os habitantes da terra cos milagres que se lle permitiron facer diante da besta, dicíndolles que fagan imaxes en honor da besta, que tiña a ferida da espada pero recobrara a vida.

15 Concedéuselle á segunda besta poder infundir espírito na imaxe da primeira, para facela falar e para que fixese que todos os que non adorasen a imaxe da besta fosen asasinados.

16 A todos, grandes e pequenos, ricos e pobres, libres e servos, ponlles unha marca na man dereita ou na testa

17 e ninguén pode mercar ou vender, se non ten a marca, o nome da besta ou o número do seu nome.

18 Para isto fai falta a sabedoría: quen teña intelixencia, calcule o número da besta, que é número humano e o seu número é seiscentos sesenta e seis.

Lean sinn:



Sanasan