Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 12 - Biblia SEPT


A muller e o dragón: o nacemento do neno

1 E apareceu no ceo un gran sinal: unha muller vestida co sol, coa lúa baixo os seus pés e, na cabeza, unha coroa de doce estrelas.

2 Estaba embarazada e berraba cos retorzóns e as dores do parto.

3 Apareceu outro sinal no ceo: era un gran dragón vermello, que tiña sete cabezas e dez cornos e nas cabezas sete diademas.

4 Co seu rabo arramplaba cunha terceira parte das estrelas do ceo e botábaas na terra. O dragón plantouse diante da muller que estaba para dar á luz, coa idea de engulirlle o filliño en canto nacese.

5 Tivo un fillo varón; aquel que cun caxato de ferro ha rexer a todas as nacións. Pero Deus arrebatou o filliño da muller onda si, ó seu trono.

6 E a muller fuxiu para o deserto, onde lle tiña Deus un lugar axeitado para a manter alí mil douscentos sesenta días.

7 E produciuse unha guerra no ceo; Miguel e os seus anxos combateron contra o dragón. O dragón combatía cos seus anxos,

8 pero non lles puido; e para eles xa non houbo lugar no ceo.

9 Deus botou do ceo ó gran dragón, serpe antiga, chamado Satán e Satán, o que fai extraviar a todos os homes: botouno á terra; e ós seus anxos con el.

10 E oín un gran berro no ceo, que dicía: "Arestora chegou a vitoria, o poder, e o reino do noso Deus, así coma a soberanía do seu Mesías. Porque expulsaron o acusador dos nosos irmáns, o que os acusaba diante do noso Deus, día e noite.

11 Pero eles vencérono grazas ó sangue do Año, e pola forza do testemuño que deron, e porque quixeron máis morrer que vivir neste mundo.

12 Por iso alegrádevos, ceos, e os que vivides neles! Pobre terra e pobre mar! Porque baixou Satán onda vós. Baixou adoecido porque sabe que ten pouco tempo".

13 E cando o dragón se decatou de que o botaran para a terra, perseguiu á muller que dera á luz o meniño.

14 Pero Deus deulle á muller as dúas ás da gran aguia, para que fose voando ata o deserto, o seu lugar; e dáselle a mantenza alí, lonxe da presenza da serpe durante un tempo, dous tempos e medio tempo.

15 A serpe botou pola boca auga, coma un río, detrás da muller, para envolvela na corrente do río.

16 Pero a terra acudiu en axuda da muller: abriu a terra a súa boca e zugou o río, que o dragón botara pola boca.

17 Enrabexou o dragón contra a muller e foille facer a guerra ó resto da familia dela: ós que gardan os mandamentos de Deus e manteñen firme o testemuño de Xesús.


As dúas bestas

18 Detívose na area da beira do mar.

Lean sinn:



Sanasan