Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Apocalipse 11 - Biblia SEPT


O santuario e as dúas testemuñas

1 Déuseme unha canivela da feitura dunha vara de medir dicíndome: "Érguete e mide o santuario de Deus e mais o seu altar e mide os que adoran no santuario.

2 Pero o adro que está fóra do santuario, déixao de lado e non o midas, que llelo deron ós pagáns, que pisarán a cidade santa durante corenta e dous meses.

3 Eu permitireilles ás miñas dúas testemuñas que fagan de profetas durante mil douscentos sesenta días vestidas con roupa feita de sacos.

4 Estas son as dúas oliveiras e os dous candelabros, que están ergueitos diante do Señor do mundo.

5 E se alguén lles quere facer mal, sairá das súas bocas lume que devorará os seus inimigos; se alguén lles quixer facer mal, cómpre que morra deste xeito.

6 Eles teñen poder para pechar o ceo, de xeito que non chova durante os días do seu profetizar. Teñen poder de converter a auga en sangue e de castigar a terra con calquera tipo de praga cantas veces queiran.

7 Pero, cando acaben o seu testemuño, a fera que sobe do abismo loitará contra eles, venceraos e mataraos.

8 E os seus cadáveres quedarán na praza da gran cidade, que se chama en linguaxe simbólica Sodoma e Exipto, onde tamén foi crucificado o seu Señor.

9 Xentes de diferentes pobos, tribos, linguas e nacións ollarán para os seus cadáveres durante tres días e medio e non deixarán poñer os cadáveres no sartego.

10 Os habitantes da terra alegraranse e brincarán de alegría e mandaranse regalos uns ós outros, porque aqueles dous profetas atormentaran os habitantes da terra".

11 Despois destes tres días e medio, un espírito vivificador mandado por Deus entrou neles e puxéronse en pé. Os que miraban para eles entroulles un gran medo.

12 E oíron un forte berro que desde o ceo lles dicía: "Subide aquí!". E subiron ó ceo nunha nube, á vista dos seus inimigos.

13 Naquela mesma hora veu un gran terremoto e derrubouse unha décima parte da cidade e morreron no terremoto sete mil homes. Os outros colleron medo e déronlle gloria ó Deus do ceo.

14 O segundo Ai! pasou: o terceiro Ai! velaí vén.


CUARTA SECCIÓN: A SÉTIMA TROMPETA E A SERIE DAS VISIÓNS DO DRAGÓN Loanzas e agradecementos

15 Logo tocou o sétimo anxo e oíronse uns fortes berros desde o ceo, que dicían: "O reinado do mundo pasou a ser do noso Deus e do seu Mesías! El reinará polos séculos dos séculos".

16 E os vinte e catro anciáns, os que sentan diante de Deus nos seus tronos, prostráronse para adorar a Deus,

17 dicindo: "Dámosche grazas a ti, Señor, Deus que todo o sostén, que es e que eras por asumires o teu grande poder, e comezares a reinar.

18 Anoxáronse contra ti os xentís, pero agora chegou o teu anoxo: é o momento de lles facer xustiza ós que morreron, e de lles dar a paga ós teus servos, os profetas, ó teu Santo pobo e ós que te respectan a ti, ós pequenos e ós grandes, e de esnaquizar os que destrúen o mundo.


Anuncio da intervención de Deus

19 E abriuse o santuario celeste de Deus e apareceu a arca da súa alianza no seu santuario. Entón houbo lóstregos, berros, tronos, un terremoto e unha grande sarabiada.

Lean sinn:



Sanasan