Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Amós 9 - Biblia SEPT

1 Vin o meu Señor en pé sobre o altar, que batía nos capiteis facendo tremer os gonzos, e dixo: "Vou quebrar as cabezas de todos eles e o resto vouno atravesar coa espada; non haberá de entre eles fuxitivo que fuxa nin escapado que escape.

2 Anque furen deica o Xeol, de alí quitaraos a miña man; aínda que suban deica o ceo, de alí fareinos baixar;

3 Aínda que entoben no cumio do Carmelo, alí os descubrirei e os pillarei; aínda que se agachen da miña ollada no fondo do mar, alí mandarei a serpente que os morda;

4 Aínda que saian deportados diante dos seus inimigos darei orde á espada de que os fenda; pois vou pousar os meus ollos sobre eles para desfeita, non para ben".

5 Pois o meu Señor é Iavé dos Exércitos que se El toca a terra, esta derrétese e fan loito cantos nela moran, xa que se ergue toda coma o Nilo e mirra coma a corrente de Exipto,

6 que edificou no ceo o seu solio asentando na terra a bóveda celeste, que chama as augas do mar e as esparexe sobre a superficie da terra: Iavé é o seu nome.

7 "Non sodes acaso vós para min coma cuxitas, fillos de Israel? —oráculo de Iavé—. Non fixen eu subir a Israel do país de Exipto coma ós filisteos de Kaftor e a Aram de Quir?"

8 Velaquí os ollos do meu Señor Iavé que se volven contra o reino pecador: "Vouno exterminar de sobre a face da terra, mais non quero aniquilar o casal de Xacob" —oráculo de Iavé—.

9 Velaquí: dou orde de abalar de entre todos os pobos o casal de Israel como se abala a peneira, sen que caia ó chan unha pedriña.

10 Pola espada van perecer todos os pecadores do meu pobo, os que din: "Non nos atinxirá, non chegará ata nós a desfeita".

11 Naquel día erguerei a tenda derrubada de David, repararei as súas fendas, restaurarei as ruínas e reconstruireina coma nos tempos antigos,

12 para que se apropien do resto de Edom e de todos os pobos sobre os que se proclamou o meu nome, —oráculo de Iavé que fai tales cousas—.

13 Velaquí veñen os días —oráculo de Iavé— nos que o arador enlazará co segador e o que pisa a uva con quen sementa, e os montes destilarán mosto e todos os outeiros se derreterán.

14 Daquela repatriarei ó meu pobo Israel, reconstruirán as vilas devastadas e habitaranas, plantarán vides e beberanlles o viño, traballarán leiras e comeranlles os froitos:

15 vounos eu plantar no seu terreo para nunca máis seren arrincados da súa terra, a que eu lles dera: dixo Iavé, o teu Deus.

Lean sinn:



Sanasan